Elena Espinosa reclámalle á Xunta “avances urxentes” e “máis prevención e investigación” sobre o cancro infantil
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, esixiulle á Xunta “avances urxentes” e “máis prevención e investigación” sobre o cancro infantil. Espinosa presentou unha batería de iniciativas parlamentarias coincidindo coa conmemoración do Día Internacional do Cancro Infantil para reclamarlle á Xunta que poña en marcha a Unidade de Oncoloxía Pediátrica neste mesmo ano.
A responsable socialista sinalou o desleixo do goberno galego ao deixar “lonxe” as promesas asumidas en 2017 ao crear unha Unidade de Oncoloxía Pediátrica de Galicia que traballara en rede para aproveitar os recursos e coñecementos fronte a esta enfermidade. Espinosa advirte que logo de 8 anos daquela promesa “a realidade é que desgrazadamente esta unidade apenas avanzou”.
Salientou a importancia de ter esta unidade plenamente operativa, que garantiría unha visión suprahospitalaria e empregaría a totalidade dos recursos asistenciais do Sergas para a atención do cancro infantil de maneira coordinada.
Emprazou ao goberno galego a tomarse en serio o cancro en menores, que “vai máis aló da saúde física”, xa que afecta directamente á saúde mental dos doentes e impacta de cheo nas súas familias, polo que reclamou “avances urxentes xa no ámbito oncolóxico infantil”. Sinalou que os e as socialistas reclaman maior esforzo no tratamento do cancro infantil e apostou por “sumarnos á visualización e concienciación desta enfermidade” .