Carmen R. Dacosta apremia ao conselleiro a concretar os prazos da construción do novo hospital, retrasado pola súa “ineptitude e falta de decisión”
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta denunciou hoxe a “neglixencia” do conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño, e acusouno de ter mentido no Parlamento sobre a seguridade do Materno – Infantil de Ourense. Dacosta presentou unha pregunta oral no Parlamento para esixirlle ao conselleiro a que concrete os prazos para a construción dun novo centro logo do derrubamento do teito da terceira planta do edificio.
A responsable socialista lembrou que en xuño do ano pasado o conselleiro descartara un “problema estrutural” no edificio, asegurando a súa seguridade meses antes de que se derrubara o teito dunha planta e a Xunta tivera que aceptar a construción dun novo centro. Advertiu que as súas afirmacións “non eran certas e quedan no seu debe”, logo de acusalo de poñer aos usuarios e usuarias diante dunha “ameaza seria para a súa integridade física”.
Dacosta, que interveu cun casco de obra no escano para denunciar a situación do Materno – Infantil, emprazou ao conselleiro de Sanidade a concretar os prazos e o proxecto para a construción do novo Hospital Materno Infantil de Ourense, que agora mesmo están “ralentizadas”, dixo, pola súa “ineptitude e falta de decisión” que o obrigaron a cambiar de criterio e “tomar por fin a decisión de tirar o Materno e construír un novo”.
Criticou que “foron incapaces de entender o alcance dos problemas que aqueixaban a este edificio cando empezaron a manifestarse” e que derivaron no derrubamento do teito da sala de partos en 2023, sen que tomaran ningunha decisión para garantir a seguridade do edificio. Acusou ao goberno galego de aplicar “parches, remendos, solucións de terceira categoría”, obrigando a “agardar a ver que a casa caía aos anacos para finalmente entender que cumpría unha nova”.