Begoña Rodríguez Rumbo alerta de que o Sergas non aporta ningunha información de control interno mentres xestiona o 40% do orzamento autonómico
6 de marzo de 2023. A viceportavoz do grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou este luns no Parlamento de Galicia a invisibilización dos informes do Consello de Contas que acreditan que a Xunta está incumprindo a normativa contable e a lei de transparencia e bo goberno.
A vicevoceira socialista interviu na réplica ao conselleiro maior do Consello de Contas que acudiu a expoñer os informes de fiscalización entre os que se encontran o correspondente á Conta xeral da comunidade autónoma do ano 2020, que tivo entrada neste Parlamento o venres 29 de xullo, é dicir, hai 7 meses.
Alegou que isto fíxose coa única intención de invisibilizar a o traballo dun organismo estatutario que ten encargada a misión da fiscalización externa das contas, invitando ao Conselleiro maior a que manifestase tamén o malestar por este “ninguneo por parte do goberno galego coa connivencia dos deputados e deputadas do PP, así como polo incumprimento reiterado das reiteradas recomendacións manifestadas polo Consello de contas nos seus informes
Dada a importancia que ten este órgano, os socialistas non ven lóxico que a comisión de control do mesmo se convoque unicamente dúas veces ao ano, polo que demandan “reforzar a rendición de contas no Parlamento de Galicia”, na procura de ter unha maior transparencia. Explicou que mentres noutras comunidades fan incluso presentacións dos informes individuais polos conselleiros responsables, na nosa comunidade a opción que elixen é a da “ocultación.
Entre os datos económicos que resaltou Rodríguez Rumbo do informe, estaría o dos 11.538 millóns de euros de débeda en 2020, cando o endebedamento no ano 2009, cando o goberno de Pérez Touriño deixou a Xunta era de 4.859 millóns de euros, polo que creceu nese período ata un 137,46%.
Tamén puxo o foco no Fondo de Compensación Interterritorial, previsto para corrixir algo que afecta especialmente a Galicia como os desequilibrios económicos interterreitoriais, sendo que dende a Xunta non executaron un só euro no 2020, e no 2021 tan só executaron un 12,79%, resaltando que a media do resto das comunidades era dun 75,72% de execución.
No relativo ao Servizo Galego de Saúde, organismo que xestiona o 40% do rozamento autonómico e que o propio Consello de Contas recoñece que non aportou información do control interno efectuado pola entidade. De xeito que a actualidade non se coñece o Plan de auditorías nin se existe para o exercicio do ano 2020.