Carmen R. Dacosta critica que o goberno galego “non quere construír unha residencia de maiores en Petín”
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta denunciou hoxe a “incomprensible hipocrisía política” do PP, que hoxe votou no Parlamento en contra da construción dunha nova residencia de maiores pública en Petín que antes apoiaran no Pleno do Concello. Dacosta sinalou que o goberno galego en realidade “non quere construír unha residencia de maiores” no Concello.
Dacosta desafiou ao PP a “dicir claramente que non teñen vontade política” para apoiar esta proposta e obrigar ás persoas maiores de Petín que cando necesitan dunha residencia van ter que marchar do seu Concello. Ademais, advertiu que as esperas superan os 365 días, carecen dun plan de proximidade, como demostra a situación neste concello, carecen dun sistema racional e planificado de construción de residencias, e as que hai teñen problemas de mantemento e persoal.
Criticou no Parlamento que a conselleira de Política Social “non quere recibir á alcaldesa” da localidade, a socialista Raquel Bautista, que ten reclamado este servizo dende 2021 e xa puxo a disposición unha parcela municipal de 4.288 metros cadrados. O proxecto do concello inclúe unha residencia de 2.500 metros cadrados con 75 prazas públicas fundamentais para un concello no que o 47,44 por cento dos veciños teñen máis de 60 anos, un total de 408 persoas.
Reclamoulle ao PP e ao goberno galego que demostren “vontade política” para levar adiante a construción dunha nova residencia pública de maiores nunha Comunidade Autónoma como Galicia, que segundo a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais precisa de 13.850 prazas para acadar o obxectivo de 5 para cada 100 maiores de 65 anos.