Silvia Longueira advertiu que os residentes pasaron os meses de xullo e agosto sen aire acondicionado, soportando temperaturas estremas, pese ás continuas chamadas de atención dos familiares
A portavoz de Política Social criticou a “deshumanización” coa que a empresa xestiona o centro, con falta de asistencia médica as fins de semana e as quendas dobres do persoal durante as vacacións
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento galego, Silvia Longueira, denunciou hoxe a “deshumanización” coa que se xestiona a residencia de maiores Fundación José Otero-Carmela Martínez, no barrio compostelán de Pontepedriña. A deputada do PSdeG sinalou como unha das deficiencias máis graves que padecen usuarias e usuarios a falta de sistema de climatización, o que provocou, por exemplo, que durante os pasados meses de xullo e agosto as temperaturas superaran os 29 graos centígrados dentro das instalacións.
Os residentes tiveron que soportar esa situación “pese ás continuas peticións e chamadas de atención dos familiares”, que obtiveron como única resposta que o centro carecía de orzamento para reparar unha avaría na maquinaria do aire acondicionado.
Durante a reunión da Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego celebrada esta mañá, Longueira cualificou de “especialmente dura” a situación das persoas encamadas no terceiro andar do edificio, “cunha situación de bochorno insufrible”, tamén para o persoal, que durante o período estival enfrontou quendas dobres. A parlamentaria socialista incidiu no que cualificou de “deshumanización”, con feitos tan significativos como a falta de asistencia médica durante as fins de semana.
Ante a pregunta de se esa grave incidencia xa está arranxada, o PP recoñeceu que aínda non se solucionou a avaría, esgrimindo que é necesaria unha licitación de máis de 120.000 euros para a substitución do sistema. Os populares enumeraron diferentes tecnoloxías de climatización que se empregan na residencia santiaguesa, pero a realidade é que “non son quen de resolver, cando menos provisionalmente, a situación pola que pasan os residentes”, subliñou. “Moito nos tememos que para o vindeiro verán aínda non estea arranxada”, lamentou.
Silvia Longueira enmarcou o estado do centro de maiores de Pontepedriña “no deterioro que están a sufrir este tipo de instalacións, tanto públicas como privadas”, en toda Galicia. “Non é un problema illado”, asegurou. A residencia santiaguesa ofrece prazas públicas con xestión privada, a través dunha empresa, pero independentemente do modelo, insistiu, en todos os casos os centros deben contar cunha infraestrutura “honrosa” e prestar unha atención axeitada.
A deputada insistiu en que existe “un problema grave” en residencias coma a José Otero e “hai que darlle outra resposta”. Nese senso, demandoulle ao director xeral que as cuestións urxentes se atendan “coa mesma solvencia” que as importantes.