Begoña Rodríguez Rumbo alerta de que os 201 concellos galegos de menos de 5.000 habitantes “non poden facer fronte ao abastecemento, distribución e saneamento” que obriga a Lei do Ciclo Integral da Auga
A portavoz de Política Municipal do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou hoxe o “discurso hipócrita” do PP, que descarga as competencias da Xunta nos concellos sen darlles financiamento e logo critica que non cumpran. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para reclamarlle que apoie aos concellos para asumir a Lei do Ciclo Integral da Auga, e que o PP rexeitou.
A responsable socialista acusou á Xunta de presentarse como “espectador pasivo sen competencias nin responsabilidades”, pero que a través da Lei do Ciclo Integral da Auga obriga aos concellos a asumir o abastecemento, a distribución e saneamento das augas, sabendo que carecen do financiamento necesario. É o caso dos 201 concellos galegos de menos de 5.000 habitantes, incapaces de cumprir coas novas obrigas impostas polo goberno galego.
Por iso reclamoulle á Xunta que acorde coa Fegamp un plan a dous anos específico para os concellos de menos de 50.000 habitantes, co obxectivo de realizar auditorías municipais de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga. Sen embargo, a proposta foi rexeitada polo PP alegando que se trata dunha competencia “que teñen que asumir os concellos”.
A responsable socialista criticou a “hipocresía política” do PP e do goberno galego, e lembrou que os concellos galegos están a asumir competencias que en realidade lle corresponden ao goberno galego, como é o caso das escolas infantís, o Servizo de Axuda ao Fogar ou o mantemento das escolas, así como actuacións relativas á industria e á promoción do emprego.
Reclamoulle que “incrementen o Fondo de Cooperación Local, verán como así os concellos dispoñen de máis fondos para asumir o abastecemento, o saneamento e a depuración de augas”. Subliñou que “a Xunta non pode ser un mero espectador”, senón que debe tomar a iniciativa para “coordinar e traballar a favor de todos e todas os galegos e as galegas”, para garantir o subministro de auga como “dereito e interese esencial da cidadanía e da actividade económica”.
Rodríguez Rumbo tamén reclamaba hoxe un plan a cinco anos para “desenvolver as infraestruturas ou a mellora das existentes”, para a “universalización do subministro da auga, un consumo responsable e unha mellora da xestión eficaz e eficiente do ciclo integral da auga” que inclúa “prazos, lugares, investimento e financiamento”.
A parlamentaria socialista pediulle á Xunta que elabore unha listaxe das infraestruturas ou melloras executadas para a xestión do ciclo integral da auga dende o ano 2010, que inclúa o concello, o importe dos investimentos e o financiamento total. Criticou que os convenios asinados por Augas de Galicia entre 2017 e 2021 beneficiaron a un total de 117 concellos, dos cales 82 eran do PP, 27 do PSdeG, 1 do BNG e 7 de outras formacións políticas.