Noa Díaz lamenta que “no transporte público se poidan ocupar todos os asentos” mentres “un teatro con aforo para mil persoas só pode usar 30 butacas”
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, insta á Xunta, a través dunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento, a ampliar o aforamento dos espazos culturais, tal e como se fixo cos lugares de culto ou no transporte colectivo e dado que non existen datos de contaxios con orixe en espazos culturais.
Díaz denuncia a “estigmatización” do sector por parte da Xunta, xa que mantén “grandes limitacións de aforo” no sector cultural, fronte á permisividade de aforo nos lugares de culto “que aducen son seguros, en relación coa transmisión do virus”. Así, a socialista ve “incoherente” que non se aplique esta mesma casuística noutros lugares como cines, teatros ou auditorios, onde “as persoas non interactúan entre elas, manteñen a distancia de seguridade e empregan a máscara de forma sistemática”.
Neste senso, lamenta a “arbitrariedade” na consideración de criterios por parte do goberno galego, xa que “nun concello con alerta máxima poderían agruparse 70 persoas ou máis, dependendo da dimensión do local, nunha igrexa; fronte ás 30 persoas que podería albergar un auditorio con capacidade para 1.000 asistentes”.
Así, Díaz pon tamén de manifesto que a Xunta publicou o pasado 10 de novembro unha orde para modificar as medidas no transporte colectivo, “establecendo que nos buses e no transporte marítimo en augas interiores se pode ocupar a totalidade dos asentos, engadindo un máximo dunha sexta parte das prazas a pé”.
A responsable socialista instou á Consellería de Cultura a cambiar o seu criterio, xa que tanto o conselleiro como o director xeral del Cultura “manifestaron en diversas ocasións en sede parlamentaria o seu convencemento de que a cultura é segura”, pero as medidas tomadas “non parecen manter demasiada coherencia con este relato”.