Lara Méndez levará ao Parlamento un asunto que afecta a 600 viticultores e que ameaza a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e a existencia da propia Denominación de Orixe
A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Lara Méndez, esixiulle hoxe á Xunta que poña en marcha de forma urxente un Plan de choque para axudar aos viticultores da Ribeira Sacra diante do problema xerado pola acumulación de stock. A responsable socialista anunciou que levará este asunto ao Parlamento logo de manter un encontro cos produtores e os alcaldes e representantes políticos do PSdeG na zona.
Méndez criticou que o goberno galego leve meses sen escoitar as chamadas de atención dos 600 produtores afectados por un problema que pode poñer en risco a paisaxe da zona e con el a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, así como a continuidade da propia Denominación de Orixe. De non tomar medidas urxentes, poden quedar viñedos abandonados en plena vendima, con uva que non sería recollida no sucesivo.
Explica que estas explotacións da Ribeira Sacra non teñen capacidade para dedicarse a outro tipo de produción, polo que precisan de medidas extraordinarias urxentes por parte do goberno galego para contar con garantías de recollida da uva. Critica que a Xunta non teña atendido ás peticións presentadas dende hai meses para habilitar a recollida en verde e a destilación de crise que permita sacar das adegas o “stock” viño acumulado de campañas anteriores.
A parlamentaria socialista urxe ao goberno galego que escoite ademais a representantes do sector, como o caso do sindicato Unións Agrarias, que reclaman un Plan de actuación a medio e longo prazo co obxectivo da promoción, as exportacións e a apertura de novos mercados internacionais para os tintos, así como a reestruturación de viñedos e o impulso de cambios na variedade da produción que doten de maior valor engadido aos viños da Ribeira Sacra.