Begoña Rodríguez Rumbo presenta unha proposta para regular por Lei a participación dos concellos nos ingresos da Comunidade Autónoma e que acorde coa Fegamp os criterios de reparto das subvencións, que é rexeitada polo PP
O Grupo Socialista traslada a “máis contundente repulsa” polas actuacións de Jácome presuntamente “constitutivas de delito”
A portavoz de Política Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou hoxe a “actitude totalmente caciquil” despregada polo goberno galego ao repartir “a dedo” 8 de cada 10 euros das axudas públicas para beneficiar a concellos gobernados polo PP. Rodríguez Rumbo presentou unha moción no Pleno do Parlamento para reclamarlle á Xunta que acorde coa Fegamp o reparto equitativo de subvencións, que foi rexeitada polo PP.
Rodríguez Rumbo criticou neste sentido a “falla de respecto institucional” amosada polos altos cargos da Xunta, que en precampaña das eleccións municipais “van aos concellos como cargos institucionais da Xunta a prometer investimentos só se apoian a un alcalde do PP”. Criticou a “pouca vergonza por parte dun goberno que administra e que debe de xestionar os fondos que son de todos e de todas”.
A responsable socialista pediu a regulación por Lei da participación dos concellos nos ingresos da Comunidade Autónoma, así como o desbloqueo do Fondo de Cooperación Local -FCL-, que leva os 13 anos de gobernos do PP “conxelado” en 112,9 millóns de euros. Lembrou que o último en incrementar o dito FCL foi precisamente o goberno presidido polo socialista Pérez Touriño, que o aumentara en 24 millóns de euros durante o seu mandato.
Rodríguez Rumbo esixiulle ao goberno galego que desterre o reparto discrecional de fondos públicos, que empregan “para castigar aos veciños e veciñas que non viven en concellos do PP”. Neste sentido, sinalou á xestión do canon da auga, que os concellos recadan para entregárllelo á Xunta e que esta o reparta “maioritariamente entre concellos afíns”, polo que esixiu unha convocatoria pública en concorrencia competitiva con criterios obxectivos de reparto.
En definitiva, presentou unha proposta con 13 puntos de acordo para fixar criterios obxectivos de reparto de subvencións públicas e para reclamarlle ao goberno galego que asuma as competencias propias que teñen descargado nos concellos sen concederlles ingresos adicionais. É o caso do mantemento dos centros de saúde, os centros de educación, as unidades de asistencia á drogodependencia, os conservatorios de ensino medio ou os xulgados de paz.
Puxo como exemplo a xestión das deputacións provinciais presididas polo PSdeG, e sinaladamente o caso da da Coruña. Baixo a presidencia do actual conselleiro de Vicepresidencia, Diego Calvo, o ente provincial dedicaba 24 millóns de euros ao Plan Único de axudas subsidiarias aos concellos, que actualmente, baixo a presidencia de Valentín González Formoso, aumentaron a 90 millóns de euros.
Jácome
A parlamentaria socialista trasladou hoxe a “máis contundente repulsa” ás actuacións do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, coa xestión aparentemente irregular dos fondos públicos como constatan os audios revelados polos medios de comunicación.
Advertiu que as actuacións coñecidas son presuntamente “constitutivas de delito”, e reclamoulle aos grupos parlamentarios unha “condena” das actitudes, en alusión ao PP, que o situou como alcalde a cambio do apoio do partido do rexedor para conservar a presidencia da Deputación de Ourense.