Noa Díaz urxe ao goberno galego a habilitar os centros de crise 24H de atención integral ás vítimas de violencia sexual nas catro provincias galegas de maneira simultánea e antes de que remate o ano
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, urxiu hoxe ao goberno galego a aprobar o protocolo de actuación e prevención contra as agresións sexuais no ocio nocturno. A responsable socialista denunciou a “actitude pasiva incomprensible” da Xunta e presentou unha batería de propostas no Parlamento para esixirlle ao goberno galego que actúe con “contundencia e celeridade”.
Advertiu que esta problemática “lonxe de desaparecer vai en aumento, sen que pareza que a Xunta de Galicia tome ningunha medida de calado”. Apuntou en primeiro lugar a este protocolo dirixido ao ocio nocturno, que fora aprobado de maneira unánime a comezos de 2023 pero que o goberno galego continúa sen poñer en marcha a pesares dos casos de agresións grupais rexistrados este verán e o último que tivo lugar en Sarria.
Considera “imprescindible” que o persoal traballador dos locais de ocio nocturno teñan a formación adecuada para detectar estes casos e actuar de forma rápida e correcta. Este protocolo debera incluír “dende a prevención e a sensibilización ata a detección e reacción fronte a unha agresión sexual, pasando por unha correcta atención á vítima, que será sempre prioritaria”.
Centros de crise
Ademais, esixiu a posta en marcha dos centros de crise 24H de atención integral ás vítimas de violencia sexual antes de que remate o ano e de forma simultánea nas catro provincias galegas. Lembra que a posta en marcha destes dispositivos é unha obriga legal para o goberno galego, en cumprimento do Convenio de Istambul, e para o que dispón de 5,9 millóns de euros de fondos europeos postos enriba da mesa polo Goberno do Estado dentro do Plan de Recuperación.
Lembra que o goberno galego ten de límite o 31 de decembro deste ano para poñer en marcha unha medida “esencial” diante do “incremento exponencial da violencia sexual nos últimos tempos, tamén en Galicia”. Advertiu que ata o momento “nada se sabe” estes centros, máis alá da sinatura dun acordo de colaboración entre as consellerías de Igualdade e Sanidade e dos anuncios da conselleira no Parlamento.