A parlamentaria Elena Espinosa salientou que, pese a aprobarse en 2021 unha moción para iniciar o procedemento de integración, a Xunta incumpriu sistematicamente o cronograma acordado, que establecía decembro de 2023 como data límite para o traspaso
A parlamentaria Elena Espinosa presentou hoxe unha Proposición non de Lei para instar á Xunta de Galicia a cumprir cos seus compromisos e transferir ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS) as Unidades Asistenciais de Drogodependencia que actualmente xestionan 13 concellos galegos. Esta demanda, respaldada por unha ampla reivindicación dos municipios afectados, busca asegurar unha atención sanitaria integral e equitativa para as persoas con trastornos aditivos, en cumprimento das obrigas establecidas no Estatuto de Autonomía de Galicia.
Desde 2018, a Consellería de Sanidade estableceu unha Comisión Mixta para definir o traspaso destas unidades, un proceso que segue sen concretarse. Espinosa salientou que, pese a aprobarse en 2021 unha moción para iniciar o procedemento de integración, a Xunta incumpriu sistematicamente o cronograma acordado, que establecía decembro de 2023 como data límite para o traspaso. A realidade é que, a un mes de finalizar 2024, o proceso continúa bloqueado.
Espinosa denuncia tamén a falta de financiamento adecuado. No último encontro entre a Xunta e os concellos, propuxéronse convenios para cubrir o 100% dos gastos e garantir a reposición de prazas vacantes, especialmente ante as xubilacións. Porén, nos orzamentos de 2025, a Xunta non só mantén a mesma dotación de 4.022.800 euros que en 2024, senón que reduce a súa achega mentres o Goberno de España incrementa a súa contribución en 349.506 euros.
“Os concellos e os pacientes non poden seguir agardando ante unha Xunta que dilata e paraliza este proceso”, lamentou Espinosa. “As persoas con adiccións teñen dereito a unha asistencia sanitaria de calidade dentro do sistema público de saúde. É responsabilidade da Xunta garantir unha atención integral e multidisciplinaria, libre de trabas burocráticas que só empeoran a situación actual”.
A iniciativa presentada hoxe, que será votada mañá no Pleno, demanda tres medidas urxentes: A plena integración orgánica e funcional da rede galega de trastornos aditivos no SERGAS; Un convenio para a cobertura de vacantes por parte da Xunta de Galicia, e que, mentres non se cumpra a integración, a Xunta financie o 100% dos custos dos servizos prestados polos concellos.
Elena Espinosa tamén fixo un chamamento ao Partido Popular, criticando a súa postura de apoio incondicional á Xunta fronte aos concellos, mesmo cando algún deles está gobernado polo propio PP. “É o momento de poñer fin a esta tomadura de pelo”, engadiu. “Os concellos non piden máis que un cumprimento xusto dos acordos e que se respecte o seu esforzo negociador.”
A parlamentaria concluíu reclamando á Xunta que asuma as súas competencias e traballe con responsabilidade para resolver unha situación que impacta negativamente na vida de moitos galegos e galegas.