Paloma Castro apunta que a Consellería de Presidencia perpetúa a “asfixia” dos concellos nuns Orzamentos que incumpren a Lei de memoria democrática, precarizan á Xustiza e reducen a partida de deporte un 31,27 por cento
Sinala que a “desaparición” do Bono Deporte e o Bono Actívate das contas para 2025 “evidencia que eran medidas puramente electoralistas”
A parlamentaria socialista Paloma Castro cualificou os orzamentos da Consellería de Presidencia de “unha película con moito de ficción”. Castro interveu hoxe na comparecencia do conselleiro no Parlamento para presentar as contas do próximo ano, nas que perpetúan a “asfixia” dos concellos, continúan coa precarización da Xustiza, incumpren a Lei de Memoria Democrática e reducen as partidas para deporte.
A responsable socialista afeoulle ao conselleiro que manteñan o Fondo de Cooperación base para os concellos conxelado dende o ano 2011, cuns 112,9 millóns de euros que resultan “totalmente insuficientes”. Criticou que “inventen” un “fondo base adicional” de 5,4 millóns de euros para os concellos de menos de 15.000 habitantes, deixando fora ao 60 por cento da poboación galega que reside en concellos que superan esa poboación.
Explicou que esta partida non ten nada que ver coa suba do fondo base que pediu por unanimidade a Asemblea da Fegamp, que se referiu a “ese que non ten máis apelidos, o que leva conxelado dende o ano 2011”. Ademais, deste xeito amosan a súa “predilección polo financiamento a dedo”, xa que “prefiren repartir novamente os convenios e subvencións” de forma discrecional.
Castro afeoulle ao goberno galego que continúen incumprindo a Lei de Memoria Democrática, e que leven xa 13 anos “sen destinar nin un só euro á recuperación da memoria”, que “non pode conformarse unicamente coas partidas finalistas que chegan do goberno do Estado para localización e exhumación de fosas”.
Reclamou unha partida para elaborar e executar un Plan 2024-28 para a recuperación da memoria histórica e que Galicia “non quede atrás e que a memoria dos e das galegas que foron vítimas da represión do franquismo poidan pechar as súas feridas”. Apuntou que “a historia ten que recoñecerse e coñecerse para non repetirse”.
Xustiza
A parlamentaria socialista advertiu que o goberno galego está a perpetuar a situación de precariedade do persoal da Xustiza, que urxe un reforzo do persoal, sinaladamente nos xulgados mixtos. Afeoulle que “sigan estirando o chicle” do Plan de Infraestruturas Xudiciais 10 anos despois de que rematara, cando “urxe que fagan balance do seu cumprimento e fixen novos obxectivos concretos cara 2030” e poñendo “nome e apelidos” ás partidas destinadas ás infraestruturas.
O mesmo sucede co Instituto de Medicina Legal de Galicia -Imelga-, que padece dun “problema estrutural que necesita incremento de plantilla”, así como o reforzo da quenda de garda 24 horas e a mellora das condicións laborais na da quenda de oficio.
Bono deporte
A responsable socialista sinalou que os Orzamentos da Xunta para 2025 “esquecen” o Bono Deporte para mozos e o Bono Actívate para maiores anunciados antes das eleccións autonómicas, o que “evidencia que eran medidas puramente electoralistas”. Alertou de que o goberno galego reduce a partida de deportes nun 31,27 por cento, o que supoñen 17 millóns de euros, co que “é pouco crible que defendan que apostan polo fomento do deporte”.
Finalmente, sinalou que “non existe na actualidade ningún tipo de planificación global que supoña pasos ou medidas dirixidas a converter en real a igualdade no deporte, nos termos previstos na Lei de Igualdade de Galicia.