Martín Seco pide á Consellería de Medio Rural que “retire o documento” e “elabore, dende o principio, un plan forestal serio”, baseado “na realidade e que teña en conta todas as oportunidades e riscos” de futuro para o sector
O voceiro de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, cualificou, hoxe, de “desproposito” o Plan Forestal de Galicia, trala presentación da primeira revisión do documento por parte do director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, na Comisión de Montes do Parlamento.
“Despois de avalialo con profesionais do sector, coinciden na pobreza deste documento”, sentenciou Seco, quen sinalou a “présa” e o “desinterese” que amosa un texto que “tecnicamente non se sostén”. Así, subliñou que “é unha vergoña para un país como Galicia que debería ser referencia” en cuestións forestais.
O responsable socialista lamentou as “eivas” e “fallos” que aparecen no citado plan, xa que presenta partidas orzamentarias que “carecen de todo rigor”, como a partida de “105 millóns de euros” que lle corresponde a “formación e investigación forestal”, o cal é “insostible”. Ademais, criticou a falla dunha diagnose, o que é “algo insólito”, xa que é “como se pretendesen curar a un doente, sen antes analizar que padece”.
“Se levasen a cabo unha boa diagnose, teriamos os probemas actuais e futuros do monte galego sobre a mesa, coñeceriamos a súa dimensión e a urxencia de resolución”, sinalou Seco, que lamentou que non o texto non inclúa “obxectivos prioritarios”, que non exista un “documento de participación pública” ni tampouco unha “avaliación ambiental estratéxica”.
Nesta liña, Seco criticou que no plan “só se atope literatura”, pero non se establezan “medidas que teñan territorialidade”.
“Pedímoslles que retiren este documento e elaboren, dende o principio, un plan forestal serio como merece Galicia, baseado na realidade e que teña en conta todas as oportunidades e riscos que vai ter no futuro o sector”, polo que ten que estar “integrado no territorio, na sociedade e na economía deste país”, aseverou Seco.
Así, propuxo crear un plan “potente e de referencia en España”, que permita unha “xestión seria e organizada” para un sector forestal que é “fundamental para o desenvolvemento de Galicia”.
Por último, o responsable socialista criticou o “caos”, “abandono” e a “perda de valor” á que está sometida o monte galego, o que supón “o mellor reflexo de 40 anos de políticas do PP no noso rural”.