Begoña Rodríguez Rumbo cuestiona a política fiscal da Xunta, dirixida a “favorecer moito máis ao 0,3 por cento da poboación millonaria que ao resto dos galegos e galegas”
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023. A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou que a Xunta presenta uns Orzamentos “ordinarios que non dan resposta a unha situación extraordinaria” porque están concibidos para “cadrar as contas nunha táboa de excel”. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Facenda no Parlamento, que deu comezo á rolda de intervencións dos distintos conselleiros da Xunta para presentar as contas do próximo ano.
A portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista acusou á Xunta de eludir a súa obriga de atender ás persoas, ao territorio e dos sistemas produtivos, máis alá dun conxunto de números para superar o trámite parlamentario. Dixo que os Orzamentos “deberían incluír a pluralidade da nosa Comunidade Autónoma e configurar a Galicia do futuro en base a obxectivos económicos, demográficos, territoriais e industriais” que agora non están.
Reclamou “diálogo e man tendida” para “esquecer o rodillo e a prepotencia” que os leva ano tras ano a aprobar as contas da Xunta “sen ter en conta nunca as propostas da oposición”, nas que “recolleremos as inquedanzas e necesidades que nos traslada a oposición galega”.
Apuntou que os orzamentos veñen reforzados polas transferencias do Estado e reclamoulle ao goberno galego que aproveiten estes recursos para “colaborar para cumprir cos eixos do Plan de Recuperación e saír todos xuntos sen que ninguén quede atrás” logo das consecuencias da pandemia e da guerra de Ucraína. Sen embargo, lamentou que “non atopamos nestes Orzamentos unha resposta real para estes retos”.
Polo contrario, cuestionou que a Xunta presente unha política fiscal centrada en “favorecer moito máis ao 0,3 por cento” da poboación millonaria que ao resto dos galegos e das galegas ao consolidar beneficios fiscais para as maiores rendas. Apuntou que sen embargo desatenden ao 54 por cento da poboación galega, que chega con dificultade a fin de mes, ou aos 636.000 galegos e galegas en risco de pobreza e exclusión.
Así, mentres reducen 250 euros do IRPF para tódolos galegos e galegas, incluídos os máis ricos, rebaixan 1,7 millóns as medidas de apoio á conciliación, quitan un millón de euros aos programas de solidariedade e reducen en 2,7 millóns de euros as partidas dos servizos sociais comunitarios que integran o Plan Concertado de Servizos Sociais cos concellos. Advertiu que a Xunta rebaixa 11 millóns de euros á Dependencia, que medra pola chegada de 128 millóns dende o Estado.
Rodríguez Rumbo criticou que a Xunta reduza en 12 millóns de euros o programa de mellora e fomento da empregabilidade, do que deixaron sen executar 66 millóns dende o ano 2022. Algo semellante sucede coas partidas para vivenda, que acumulan 120 millóns de euros sen executar en 2022, o que cuestiona o incremento desta partida, en calquera caso insuficiente para atender aos 18.000 demandantes de vivenda protexida no rexistro da Xunta.
Cuestionou que os Orzamentos da Xunta empreguen os fondos adicionais para beneficiar a uns poucos privilexiados logo de ter multiplicado a débeda por 2,5 dende que Feijóo e Rueda chegaron á Xunta en 2009 sen que esta servira para mellorar a vida das persoas, reforzar os servizos públicos ou aumentar os investimentos. Criticou que presenten como un éxito que este ano non teñan recorrido á débeda cando é unha regra fiscal obrigada para as comunidades autónomas.
Emprego
Rebaixou ademais a euforia do conselleiro de Facenda, que presumiu do bo comportamento do mercado laboral segundo os datos da EPA coñecidos hoxe, ao lembrarlle que a taxa de paro xuvenil ten aumentado un 0,4 por cento, con 30.600 desempregados máis de 16 a 29 anos.
Explicou que a taxa de desemprego non diminúe polo incremento do traballo, senón pola perda de poboación en idade laboral, xa que dende 2009 marcharan 105.000 galegos e galegas, así como 242.000 mozos e mozas que se van pola precarización do mercado laboral.