Begoña Rodríguez Rumbo reivindica “planificación e canles de colaboración” cos concellos no desenvolvemento de solo empresarial
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe á Xunta de levar “14 anos sen facer nada” para impulsar o solo empresarial. A responsable socialista interveu na comparecencia da conselleira de Territorio no Pleno do Parlamento, a quen responsabilizou da falla de planificación de solo empresarial e reclamou un “plan que ordene tódolos parques empresariais de Galicia”.
Rodríguez Rumbo lembrou que o goberno galego leva 14 anos sen exercer as súas competencias exclusivas en ordenación do territorio e de fomento e planificación da actividade económica de Galicia. Estes anos de desleixo, dixo, teñen provocado a falla de solo empresarial planificado, ben comunicado e preto dos centros de produción, o que deriva na caída de tódolos índices económicos de Galicia.
Estes factores provocaron que a actividade económica de Galicia ten presentado unha significativa redución no seu ritmo de crecemento no terceiro trimestre de 2022, coa perda imparable de empresas -7.118 entidades menos entre 2009 e 20021-. Ademais, engadiu, o paro rexistrado baixa 2 puntos menos que no resto do Estado, e a taxa de actividade é case 6 puntos inferior á media das comunidades autónomas.
Dixo que Galicia ten ademais un Índice de Competitividade Rexional medio – baixo e é ademais a Comunidade Autónoma con menor grao de dixitalización, segundo o informe do Consello Xeral de Economistas, e o Índice de Produción Industrial baixou un 1,9 por cento no mes de novembro pasado, mentres no Estado medra un 2,8 por ceneto.
Plan de ordenación empresarial
Rodríguez Rumbo reclamou “un plan que teña en conta tódolos parques empresariais de Galicia, facer un estudo para ver as súas necesidades, a súa viabilidade e colaborar todas as administracións para habilitar a construción, ampliación e fomento de solo industrial onde estea esgotado e haxa demanda”.
Chamou a iniciar un proceso de planificación con “canles de colaboración e non de subordinación” cos concellos porque, dixo, “non se trata de chantaxealos condicionando os xa insuficientes ingresos a cambio de subvencións”. Esixiu unha verdadeira planificación de desenvolvemento territorial que desterre as prácticas de reparto discrecional das axudas en función da cor política do concello.