A parlamentaria socialista Paloma Castro vén de presentar no Parlamento unha iniciativa logo de coñecer que a Xunta “está a ofrecer un claro exemplo de mansplaining” no curso de formación dixital para mulleres desempregadas do rural impartido en Pontevedra por 2 homes. Este feito vai contra o propio sentido do curso, sinala, dirixido a “empoderar ás mulleres” e mellorar as súas capacidades dixitais.
Castro admite “abraio e desconcerto” por que este curso, que busca favorecer a empregabilidade, impulsar o emprendemento e reducir a fenda de xénero, sexa impartido unicamente por varóns. Este feito “denota que este Goberno entende a igualdade coma un slogan, sen ter coñecemento nin interiorizar realmente este concepto” e reclama “un compromiso real coa igualdade de xénero como único motor de avance na nosa sociedade, e na Administración pública en particular”.
Sinala que “existen mulleres capacitadas para poder axudar a outras a mellorar as súas capacidades dixitais”. esixe que dende a Consellería de Igualdade se apliquen por analoxía as disposicións do III Plan para a Igualdade de Xénero na Administración Xeral do Estado recomenda incluír “cláusulas para o cumprimento do principio de igualdade de xénero en materia de contratación pública”.
O Grupo Socialista reclámalle así á Xunta que “supervise o cumprimento do principio de igualdade no desenvolvemento dos programas formativos” coma este, que está subvencionado con fondos Next Generation da UE.