Martín Seco urxe que as axudas cheguen aos 24 millóns de euros para os sectores da carne e da planta ornamental e flor cortada, ao ser as actuais “insuficientes” ante a “profundidade da crise da covid”
O responsable de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, criticou que a Xunta deixase sen empregar a metade dos Fondos do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) para o sector da carne e da planta ornamental e flor cortada. Fíxoo, hoxe, nunha pregunta durante a Comisión de Agricultura no Parlamento.
Seco avanzou que esixirá tamén á Xunta noutra iniciativa o uso da totalidade dos fondos do PDR, que ascenden a 24 millóns de euros, para axudar aos sectores gandeiros “máis afectados pola crise” da covid, chegando ata “o máximo permitido pola UE”.
Nesta liña, criticou que a Xunta empregue a metade destes fondos en empresas do sector agroalimentario, que “terían como principais beneficiarios ao sector bodegueiro”, cando para este sector existen outros mecanismos de financiación dispoñibles, como o IGAPE. Ademais, subliñou que “no se entende” que estes fondos se deriven cara un sector “no que o actual conselleiro ten intereses familiares”.
O responsable socialista incidiu en que dedicar “tan só 12 millón de euros destes 24 posibles” é “insuficiente” ante a “profundidade da crise neste sector”, que durante este ano experimentou unha “caída importante do consumo”, derivada dos “peches no canal de restauración, da caída do turismo e dos cambios nos hábitos de consumo”.
Doutra banda, solicitou que as axudas con fondos da UE sexan “tamén para as explotacións con menos de 10 vacas nodrizas”, eliminando a exclusión destas explotacións da orde publicada.
O SECTOR DA CARNE, “VITAL PARA A NOSA ECONOMÍA”
Ademais, Seco lembrou que o sector da carne “é vital para a nosa economía e foi esencial nos momentos máis duros da pandemia, garantindo o abastecemento de alimentos á cidadanía”. O socialista sinalou que esta crise “ameaza con afundir un sector” con máis de 10.500 explotacións profesionais e “preto de 20.000 empregos en risco” en Galicia, ante “a pasividade do goberno galego”.
Por último, alertou de que a crise do sector “tería un efecto devastador” tamén nos eidos social, medioambiental e territorial, nunha “Galicia que debe ter as explotacións como base esencial contra o abandono e a loita contra os incendios forestais”.