Paloma Castro lamenta que “Galicia quede atrás” ao non incluír no texto “a perspectiva de loita contra o cambio climático”, “deixar fóra o regulamento dos plásticos” e non ter en conta a normativa europea
Censura que se aprobe “unha lei redactada en 2018” cando “estamos no 2021” e ante unhas “novas circunstancias”, derivadas da pandemia da covid
A vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de criticar que a nova Lei de Residuos e Solos Contaminados de Galicia “non se adapte aos novos tempos nin as novas esixencias medioambientais”. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, durante o debate e votación do ditame do proxecto de lei, aprobado cos votos a favor do PP e cos votos en contra de PSdeG e BNG.
“Esta lei responde a unha unilateralidade total, unha falla total de flexibilidade e de esforzo cara a acadar un consenso e incorporar outros puntos de vista”, aseverou a socialista, quen amosou a súa sorpresa porque o texto non inclúa “a perspectiva de loita contra o cambio climático”, “deixe fóra a regulación dos plásticos” e non teña en conta a normativa europea, o que é “incomprensible”.
Castro lamentou que co texto se perda “unha gran oportunidade para mellorar a xestión de residuos, clarificar competencias e responsabilidades e facelo en coherencia coas estratexias contra o cambio climático, cunha próxima regulación estatal e coa actual normativa europea”. Así, subliñou que “con este texto, Galicia queda atrás”.
“Apróbase hoxe unha lei que é moi necesaria, pero non só chega tarde, senón que chega desactualizada. Apróbase unha lei redactada no ano 2018, pero estamos no 2021”, sentenciou Castro. Así, Castro criticou a falla de regulación específica acorde as “novas circunstancias nas que nos atopamos”, derivadas da pandemia da covid.
Nesta liña, a responsable socialista incidiu en que “a loita contra a pandemia provocou tamén o aumento de determinados tipos de residuos, en concreto, plásticos dun só uso, como luvas cobrebocas ou pantallas de protección”, o que supón “un grave problema de contaminación porque moitos deles non son reciclables”.
Doutra banda, censurou no texto a falla de coordinación interadministrativa e de mecanismos para acadar unha financiación suficiente que posibilite aos concellos a participación nos plans autonómicos. Ademais, criticou a “insuficiente regulación dos bioresiduos” e a “falla de perspectiva do emprego”, xa que na política de xestión de residuos, prevención ou reciclaxe “existe unha enorme oportunidade de crear emprego”.
A responsable socialista propuxo “un novo enfoque cara un sistema máis descentralizado” cunha “xestión rexida polos principios de autosuficiencia e proximidade” que, ademais de “ser ambientalmente máis sostible, tamén aforra custes de transporte e xera emprego”. Isto permitiría, subliñou, apostar “por un modelo de xestión diferente ao modelo de concentración actual o modelo Sogama, que segue a manter esta lei”.