Silvia Longueira aféalle a Sánchez Izquierdo que derive as responsabilidades sobre a situación de outros 9 directivos imputados por acoso laboral
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CRTVG, Silvia Longueira, responsabilizou hoxe ao director xeral da CRTVG de ter contratado a 30 traballadores como alta dirección pero para realizar tarefas ordinarias. Longueira presentou unha pregunta oral na Comisión que se celebrou hoxe na que alertou de que o ente vai ter que afrontar en breve as sentenzas das denuncias presentadas por estes traballadores.
Longueira advertiu que estas 30 denuncias van seguir o camiño marcado polo Tribunal Supremo, que vén de rexeitar o recurso de casación presentado pola CRTVG contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que lle daba a razón a un responsable de enxeñería da Corporación. Aquel recorreu o despido alegando que non realizaba tarefas de alta dirección, senón tarefas propias dun traballador ordinario.
Como os tribunais lle deron a razón, a CRTVG ten que escoller entre readmitir a este traballador ou indemnizalo con 173.000 euros, o mesmo camiño que, advertiu Longueira, van seguir outros 30 traballadores que foran contratados como altos directivos e que resulta “máis que probable” que teñan a mesma resolución.
Afeoulle ao director xeral que non fora quen de resolver esta política laboral no ente nos seus 15 anos á fronte do cargo cun salario por riba do que percibe o propio presidente do goberno. Criticou a “mala praxe laboral” por parte do ente, tamén moi contestada polo Comité de Empresa, que sinala que estes postos deberan ser cubertos con persoal propio da casa a través dunha OPE.
Longueira lembrou que nas próximas xornadas tamén verán a luz as sentenzas de outros 9 directivos da CRTVG imputados por acoso laboral contra os traballadores, e afeoulle ao director xeral que “derive toda a responsabilidade nos membros da cúpula directiva”.