Carmen Rodríguez Dacosta urxe á Xunta un plan específico para a prevención da violencia machista “fortemente dotado de recursos”
A voceira de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, criticou hoxe a “inacción da Xunta” en materia de emprego malia o impacto da crise da covid, que “está sendo máis pronunciada do que se prevía”. Fíxoo, no Pleno do Parlamento, trala comparecencia da conselleira de Emprego e Igualdade.
Rodríguez Dacosta destacou que, durante a pandemia, o Grupo Socialista presentou “diversas iniciativas” no Parlamento co fin de que se habilitaran distintos tipos de axudas para autónomos e pemes, “particularmente da hostalaría”. Mentres, asegurou, o goberno galego “agardou mudo a que os colectivos afectados se manifestaran nas rúas con desesperación”, facendo despois “provisión dun batiburrillo de decretos e xerando un baile de cifras inexacto e confuso”.
Nesta liña, alertou de que a crise “está a afectar en maior medida aos sectores máis vulnerables, como as persoas con contrato temporal e a tempo parcial, a mocidade, as mulleres, o colectivo de autónomos e as pemes”.
“A pandemia da covid chegou ao mercado de traballo de Galicia nunha situación de máis debilidade que no conxunto do Estado”, recordou. Así, “seguimos sen recuperar as cifras do 2008, doce anos despois”, denunciou.
Neste senso, a responsable socialista criticou os “baixos niveis” de execución dos orzamentos de Emprego da Xunta, xa que “se analizamos a execución dos programas dirixidos ao colectivo dos autónomos, a Consellería de Emprego gastou só 551 millóns, dun crédito dispoñible de 821 millóns”, o que supón que “deixaron sen investir o 31,8% das contías orzamentadas” nos últimos dez anos.
“PRECARIEDADE”, “INESTABILIDADE” E “FALLA DE DEREITOS” DA MOCIDADE
Rodríguez Dacosta lamentou a “precariedade”, “inestabilidade” e “falla de dereitos” que está experimentado o mercado laboral da mocidade; que, segundo os datos da EPA do segundo e terceiro trimestre deste ano, “reflicten que se reduce de forma alarmante a poboación activa” neste colectivo con “17.400 mozos e mozas inactivos máis” e “7.600 mozos e mozas desempregados máis”. Así, lamentou que a taxa de paro da xuventude “se sitúe no 21,6%”.
“Detrás disto, ademais do efecto da pandemia e do avellentamento poboación, escóndese un forte efecto de desánimo da mocidade galega pola falla de oportunidades na nosa comunidade”, aseverou. Así, destacou que cando a mocidade ve en Galicia “poucas perspectivas de emprego”, opta pola emigración.
Nesta liña, instou novamente á Xunta a crear “un plan de choque” para o colectivo, que xa fora solicitado en diversas ocasións en sede parlamentaria, xa que “o actual programa de garantía xuvenil non funciona”.
En canto á modernización das oficinas de emprego, a responsable socialista reprochou ao goberno galego que eliminase a figura dos “orientadores laborais” que recuperara o goberno de Pedro Sánchez.
PLAN ESPECÍFICO PARA A PREVENCIÓN DA VIOLENCIA MACHISTA
“É preciso e urxente elaborar un plan específico, fortemente dotado de recursos, contra a violencia machista, centrado unicamente na prevención”, aseverou Rodríguez Dacosta. Así, a responsable socialista criticou a falla de accións concretas e cualificou como “esencial” traballar na prevención con “máis educación nas escolas” e con campañas “contundentes” que estean dirixidas á xente nova e aos homes.
Ademais, criticou que a Xunta non sexa quen de “atopar novas fórmulas de loita” fronte á violencia machista, un “problema estrutural que lonxe de desaparecer semella que continúa a nos atizar”. Así, lamentou que “pese a todos os esforzos en materia lexislativa”, este ano “tres mulleres galegas foron asasinadas” e, neste momento, en Galicia, “hai preto de 3.800 casos activos de violencia machista”.
“NON OFRECEN NADA NOVO EN CONCILIACIÓN NIN EN CORRESPONSABILIDADE”
Nesta liña, sinalou que “parece incuestionable” que a afectación da pandemia “foi moito maior nas mulleres que nos homes”, experimentando unha “regresión” nas condicións vitais “para asumir máis carga de traballo no fogar e nos coidados”.
“A Xunta de Galicia parece non ter sido capaz de facer unha análise teimuda da nova realidade”, aseverou. Así, “a pesar de ter xa os datos sobre a mesa, non ofrecen nada novo en conciliación nin no fomento da corresponsabilidade, cuxas partidas nos orzamentos 2021 non se aumentaron coa contundencia que deberían, á vista da situación actual”, recordou.
NUNHA DÉCADA “SÓ CREARON 6 CIM” EN GALICIA
Doutra banda, Rodríguez Dacosta criticou o posicionamento do goberno galego con respecto aos Centros de Información á Muller (CIM), sobre os que a Xunta “elude responsabilidades, argumentando que son centros municipais”. Así, lamentou que dos 313 concellos galegos, “só 177 dispoñen dun CIM”, xa que, durante a última década, en Galicia “só se crearon 6 novos centros”.
Por último, criticou a partida orzamentaria da Xunta en 2021 para o colectivo LGTBI, ao que lle destinan “26.000 míseros euros”, o que “non merece máis comentarios”.