Carmen R. Dacosta lamenta a falla de medidas para combater o despoboamento e a falla de servizos na provincia
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta criticou hoxe a “falta de transparencia e de participación cidadá” na elaboración dos Orzamentos da Deputación de Ourense. A responsable socialista interveu na comparecencia do presidente do ente provincial para presentar no Parlamento os Orzamentos para o próximo ano que, lembrou, aínda non foron presentados formalmente en Ourense.
Dacosta acusou ao goberno provincial de manter “á marxe” da elaboración das contas tanto á cidadanía como aos axentes sociais e económicos e aos grupos políticos “ata o punto de que a día de hoxe ningún grupo agás o PP ten información algunha sobre a amplitude, contornos e calado dos próximos orzamentos. Advertiu que esta desconexión coa realidade provoca “partidas de gasto que non reflicten as necesidades reais da provincia” e a desconfianza cidadá.
Advertiu que estas contas perpetúan a forma de gobernar do PP na provincia baseado no clientelismo e o reparto “a dedo” de fondos públicos para “beneficiar a certos concellos, organizacións e asociacións de maneira discrecional”. Este clientelismo, dixo, “ten pouco de residual, á luz do volume de fondos que require”, e que “afecta directamente á equidade e efectividade dos orzamentos” ao desatender as necesidades obxectivas dos veciños e veciñas.
A responsable socialista alertou da “errática distribución do gasto e fallas na identificación de partidas prioritarias”, e a falla de medidas para combater o despoboamento e a falla de servizos na provincia que están detrás do despoboamento deste territorio. Criticou o excesivo gasto en persoal e estrutura administrativa, que supón unha “anomalía” por canto fai que “a irracionalidade, duplicidades e falta de eficiencia son a tónica na administración de Ourense”.
Lembrou a negativa do PP a apoiar as propostas socialistas para activar un Plan de axudas ao sector gandeiro ou da castaña polo impacto das sucesivas pandemias. O mesmo sucede coa súa “falla de compromiso” co Servizo de Axuda no Fogar ao negarse a sufragar unha competencia que teñen que asumir os concellos diante da desatención da Xunta, que se nega a asumir as súas competencias.
Criticou que o PP na provincia “mire para outro lado” cando os concellos “van ser penalizados coa suba do canon de Sogama” derivado polo incumprimento do goberno galego coas obrigas na xestión de residuos impostas dende a UE.