Julio Abalde lembra que a Consellería de Pesca deixa ao sector fóra da Mesa de Traballo do Marisqueo constituída este ano e que reúne aos centros de investigación
O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, criticou hoxe a “falla de comunicación e sensibilidade” da Consellería de Pesca ás demandas do sector marisqueiro. Abalde presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca do Parlamento para esixirlle ao goberno galego que abra unha estratexia estable de diálogo coas confrarías e asociacións vencelladas ao sector extractivo do marisqueo en Galicia.
O responsable socialista lembrou que o goberno galego constituíu este pasado mes de maio a Mesa de Traballo do Marisqueo, na que reúnen aos centros de investigación da Consellería, pero deixan fóra ao sector. Esta decisión, explicou, queda evidenciada día a día pola “ausencia ou descoñecemento de solucións dilixentes e efectivas ante os graves problemas que atravesa o marisqueo galego”, tal e como veñen alertando as confrarías e asociacións de mariscadoras.
Abalde trasladou ademais ao Parlamento o malestar do sector pola petición da Comisión Mar – Industria da Confederación de Empresarios de Galicia de constituír mesas técnicas de traballo para a mellora da xestión do marisqueo, xa que “non contan coa presenza das confrarías de pescadores nin as organizacións do sector extractivo”.
O parlamentario socialista acusou ao goberno galego de poñerse “de perfil” diante destas diverxencias públicas dos axentes do sector, que cualifican de “intromisión” a intención da CEG de “erixirse en representantes do marisqueo” sen contar con eles. Advertiu que a decisión do goberno galego de “situarse como espectador” nesta situación “para nada beneficia ao futuro do sector e a sostenibilidade ambiental, económica e social do marisqueo en Galicia”.
Esixiulle ao goberno galego que lidere as distintas comisións e mesas de traballo garantindo a participación de tódolos sectores, como investigación, coñecemento, pesca e marisqueo e tamén empresarial. Apunta que a Xunta “ten que dispoñer dunha estratexia estable de diálogo” para deseñar a xestión dos bancos marisqueiros diante da dramática redución das capturas.