Noa Díaz critica que a “mala e deficiente xestión” da Consellería de Sanidade obriga ás familias a peregrinar polos concellos da comarca para rematar no CHUS pola falla de atención no seu Centro de Saúde
A Comisión de Sanidade aprobou hoxe unha proposta do Grupo Socialista para esixirlle á Consellería de Sanidade que garanta a cobertura do servizo de Pediatría tódolos días da semana e que cubra a praza de matrona do Centro de Saúde da Baña, logo de ano e medio sen cubrir a baixa. Díaz presentou esta proposta do Grupo Municipal do PSdeG da Baña diante da “mala e deficiente xestión” de Sanidade no Concello.
A parlamentaria socialista esixiulle ao PP e ao goberno galego que cumpran coa iniciativa aprobada hoxe, logo da intervención da portavoz daquel partido, que anunciou o voto a favor logo de poñer en cuestión a necesidade do servizo. Anunciou iniciativas parlamentarias para comprobar que o goberno galego reforce o servizo de Pediatría e garanta a cobertura da praza da matrona antes das eleccións municipais.
Díaz presentou esta iniciativa diante da “desatención” que padecen os 260 nenos e nenas de 0 a 4 anos do Concello, que “só se poden poñer enfermos os martes e os xoves”, cando atende a pediatra. O resto dos días, explicou, teñen que desprazarse 18 quilómetros ata o Centro de Saúde de Mazaricos, onde os atende a pediatra os luns, mércores e venres, no sentido contrario no caso de haber unha urxencia que obrigue a ir ata o CHUS.
Criticou que o goberno galego determine que “existen nenos e nenas de primeira e de segunda, en función do lugar onde vivan”, algo semellante do que sucede coa matrona, xa que na Baña levan ano e medio sen esta profesional porque o Sergas non quere cubrir a baixa da titular da praza, ás portas da xubilación. As familias da Baña temen que “xa non cubran máis” o servizo, co que deberán seguir desprazándose a Negreira para seren atendidas.
Advertiu ademais o “despropósito” deste servizo de matrona, que tivo que desprazarse ao PAC pola falla de espazo no Centro de Saúde de Negreira. Ademais, engade, tódalas mulleres embarazadas atendidas por este servizo, as de Negreira e as da Baña, teñen que trasladarse ata Brión para realizar a preparación do parto porque non hai unha sala axeitada no seu concello.
Noa Díaz acusou ao goberno galego de “deixar a toda a sociedade sen a cobertura dun dereito fundamental como é o da saúde”, xa que as eivas nos concellos do entorno de Compostela provocan que as persoas que precisan ser atendidas se despracen ata o hospital de referencia, que é o CHUS, colapsando aínda máis os servizos de Urxencias.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a: