Carlos López Font, sobre a denegación de axudas por parte da Xunta: “A mocidade non pode permanecer na continua incerteza de se as súas solicitudes se aprobarán”
O deputado do PSdeG reclamoulle ao Goberno galego que achegue fondos propios ao programa, “como están a facer outras comunidades autónomas”
O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Carlos López Font, esixiulle hoxe á Xunta que achegue fondos propios para o financiamento do Bono Alugueiro Mocidade, “como están a facer outras comunidades autónomas”. Así o dixo no debate dunha moción do grupo socialista para facilitar o acceso á vivenda dos mozos e mozas que o PP rexeitou hoxe no Pleno do Parlamento.
Trátase, explicou, de incrementar o número de posibles beneficiarios do programa contribuíndo coa mesma achega económica que a que está a destinar o Estado para ese fin. Porque “a mocidade non pode permanecer na continua incerteza de se as súas solicitudes se aprobarán”, dixo.
Nese senso, indicou que o Goberno galego ten dispoñibles suficientes cartos para cubrir esa necesidade, xa que, segundo os datos oficiais do terceiro trimestre do 2024, deixou sen executar o 90 % do programa de acceso á vivenda. Trátase dunha constante dos gobernos do PP, que nos últimos 15 anos “deixaron sen executar 270 millóns de euros destinados a políticas de vivenda”, recordou.
Ao tempo, Carlos López Font lamentou o empeño do Goberno galego en “relatar partidas orzamentarias que despois non se executan, falar de programas que non cobren nin mínimamente aos que os solicitan e fiar toda a política de vivenda á construción, nun horizonte temporal longo”.
“A xestión da convocatoria do 2022 precúpanos moito como precedente”, advertiu Font, que explicou que para a que se abriu este ano “é moi posible que se chegue novamente ás 14.000 solicitudes”. Con eses números, “outra vez o Goberno galego deixará tirados a milleiros de mozos e mozas por non querer cofinanciar o programa”, alertou. E engadiu: “Mentres as cifras de solicitantes demostran o atractivo do programa, a Xunta do PP négase a que poida chegar a todos os que piden as axudas”.
O deputado do PSdeG defendeu no pleno unha moción a través da que tamén se insta á Xunta a presentar un informe detallado sobre o nivel de execución do programa orzamentario 451B, de acceso á vivenda, onde está encadrago do Bono Alugueiro Mocidade. Ao mesmo tempo, demandou información sobre os prazos de resolución do devandito programa, xa que, das 16.740 solicitudes de axuda que se presentaron, denegáronse 12.258, tal como consta no Diario Oficial de Galicia na súa edición do pasado 11 de marzo.
López Font lembrou que a Xunta de Galicia ten a competencia exclusiva en materia de vivenda. Porén, 2 de cada 3 euros que se investiron nese ámbito na comunidade autónoma procedían do Estado. Por iso criticou a estratexia de permanente confrontamento co Goberno central que está a seguir o Executivo de Rueda, “en vez de buscar unha colaboración entre administracións”.