A voceira de Orzamentos do Grupo Socialista esixe acordar un incremento dos Fondos de Cooperación Local e establecer criterios que rexan o reparto das subvencións con “criterios obxectivos e consensuados” coa FEGAMP
A portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, vén de criticar o abandono da Xunta aos concellos, xa que “son un dos grandes sacrificados da pandemia”. Fíxoo, hoxe no Pleno do Parlamento, a través da presentación dunha moción para substanciar unha interpelación sobre as actuacións que debe levar a cabo o goberno galego en relación co financiamento local, que foi rexeitada polo PP.
“Nun orzamento expansivo para 2021 que medra 1.575 millóns de euros, os concellos son uns dos grandes sacrificados, cando as transferencias ás entidades locais diminúen para 2021 en case 11,5 millóns de euros”, aseverou a socialista.
Nesta liña, criticou que é “das poucas partidas orzamentarias que baixan” cando “as necesidades locais se incrementaron e os concellos asumiron máis competencias que non lle correspondían” por mor da pandemia, o que “lastra ás xa maltreitas arcas municipais”.
Rodríguez Rumbo lamentou que, durante os 11 anos de goberno do PP de Feijóo, “o Fondo de Cooperación Local non se incrementou nin un euro” pero, malia isto, “o goberno galego aprobou normas que incrementaron as súas competencias, sen achegarlle os recursos necesarios para desenvolvelas”.
En relación aos fondos adicionais, Rodríguez Rumbo instou á Xunta a “non enganar a ninguén”, xa que estas partidas “non son Fondos de Cooperación Local”, senón fondos “condicionados” para sufragar gastos que, “na súa práctica totalidade, son competencia da administración autonómica”, destinados para concellos que cumpran criterios como dispor de institucións penitenciarías, parques de bombeiros comarcalizados ou conservatorios de grao medio.
CRITICA O SISTEMA DE “REPARTO A DEDO” DOS FONDOS DA XUNTA
En canto ás contías destinadas a convenios e subvencións, a socialista lamentou que “os orzamentos de 2021, 11 anos despois, consignan 29 millóns de euros menos que en 2009 para os concellos de Galicia” cando, ademais, dentro destas contías consignadas, van partidas destinadas “á prestación de servizos que non son competencia dos concellos e sen chegar a para cubrir o custe dos servizos”, como o mantemento de escolas infantís ou o Servizo de Asistencia no Fogar.
Nesta liña, criticou o sistema de “reparto a dedo” de fondos da Xunta de Galicia que considera “caciquil, que non respecta a autonomía local e que non está baseado nun plan de reequilibrio territorial”. Así, subliñou que “non cumpre cos principios de transparencia e obxectividade” nin respecta a lei de subvencións de Galicia.
POR “UNHA MAIOR EXECUCIÓN DAS PARTIDAS CONSIGNADAS” E “MÁIS TRANSPARENCIA”
Rodríguez Rumbo urxiu á Xunta a “garantir o 100% de execución nas partidas destinadas a entidades locais galegas” e a acordar un incremento do Fondo de Cooperación Local para este exercicio, “tendo en conta as contías que, ano tras ano, quedan sen executar”. Ademais, pediu establecer criterios que rexan o reparto das subvencións con “criterios obxectivos e consensuados” coa FEGAMP e que “garantan a igualdade de acceso mediante convocatorias públicas”.
Por último, a responsable socialista pediu o “estudo e debate” dun proxecto de lei que regule a participación no financiamento dos concellos galegos nos ingresos da Xunta, no seo da Comisión Galega de Cooperación Local.