Julio Torrado acusa ao conselleiro de Sanidade de “regatear moito, pero xa non hai gol” porque non asinan contratos estables
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, alertou do “gravísimo problema de precariedade laboral” na sanidade pública galega. O responsable socialista presentou unha interpelación ao conselleiro de Sanidade no Pleno do Parlamento de hoxe na que puxo de manifesto as condicións laborais destes profesionais e reclamou “mellores salarios, máis profesionais e máis estabilidade”.
Torrado alertou dunha situación provocada polas “contratacións cicateiras” por parte do goberno galego e das consecuencias dos recortes de hai unha década, que provocan un sistema “máis ineficiente e sen especializar”, en detrimento da calidade asistencial. Puxo como exemplo casos de profesionais que teñen acumulado 403 contratos en 12 anos, 300 deles dun só día, como demostran as sentenzas xudiciais contra o Sergas por “contratación fraudulenta e torticeira”.
O parlamentario socialista criticou que o conselleiro de Sanidade “quere esconder” a realidade da precariedade laboral e prefiren “subirse a calquera slogan con tal de non afrontar o problema”, perdidos nunha estratexia dirixida a “regatear, pero non hai gol” porque non firman contratos estables. Alertou do baixo número de novos profesionais que se incorporan á sanidade pública galega, que este ano suma “menos médicos que sacerdotes ten o Sergas”.
Lembrou a recente OPE de enfermaría da semana pasada, á que se presentaron máis de 5 persoas para cada praza, demostrando que “hai profesionais”, pero o que falta é a intención do goberno galego por reforzar as plantillas, como demostra que a eventualidade neste departamento ascende ao 35 por cento. Reclamou “coidar a quen nos coida” para mellorar a calidade da atención sanitaria, ao albur do compromiso dos profesionais e “a pesares dos dirixentes”.
Puxo en dúbida a intención do goberno galego de mellorar a estabilidade laboral, logo das súas críticas “furibundas” contra o Real Decreto do Estado para estabilizar a 67.000 profesionais sanitarios. Lembrou que o PSOE apoiou a supresión da taxa de reposición na sanidade que se aprobou na Comisión de Reconstrución post covid do Congreso, que nin PP nin BNG apoiaron, demostrando que “veñen pedir algo que despois votan en contra”.
Julio Torrado acusou ao goberno galego de desaproveitar a capacidade de contratación quen ten habilitado o goberno do Estado, que sitúa a taxa de reposición de profesionais sanitarios no 120 por cento. Lembrou que o PP galego “aplaudía” cando o goberno de Rajoy limitara a taxa de reposición ao 10 por cento, co que só permitían contratar ao 10 por cento dos profesionais que se xubilaban.