Julio Torrado subliña que “a sanidade privada ten toda a lexitimidade para funcionar de forma paralela ao sistema e complementalo de forma puntual, pero non pode parasitar á pública”
Acusa á Xunta de incluír o réxime de incompatibilidades na negociación cos médicos “para resolver o problema do goberno galego”, pero que “en nada vai resolver os problemas da sanidade”
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, advertiu hoxe de que o deterioro da sanidade pública, provocado polos recortes aplicados polo PP na última década, está a provocar a caída da valoración do sistema público e o conseguinte incremento dos seguros privados. Torrado presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade diante do aumento dos seguros privados en máis dun 20 por cento en 2022.
O responsable socialista advertiu que a sanidade privada ten “toda a lexitimidade” para funcionar “de forma paralela” ao sistema público, e mesmo ser “complementario de forma puntual”, pero dixo que “non pode ser un sistema parasito”. Resumiu que “a perda de calidade” no sistema público provocado polos anos de recortes do PP “favorece ao privado”, que aumenta en pacientes e valoración.
Aínda que os datos de valoración da sanidade pública “seguen a ser bos”, puxo o foco na tendencia “preocupante” que evidencia o Barómetro Sanitario, segundo o cal os galegos e galegas que prefiren a sanidade privada pasaron do 13,1 por cento en 2016 a 19,1 por cento en 2020 e o 20,7 por cento no ano 2022.
Explicou que malia que o sistema privado “non aporta maior calidade, xa que os profesionais son os mesmos e o sistema público ten profesionais recoñecidísimos”, o que si ofrece é “maior confort, flexibilidade, axilidade e velocidade na atención, evitando saturacións e demoras”. Esta situación, dixo, “evidencia que o sistema da sanidade pública está a perder capacidade de atención” ao cidadán.
Compatibilidades
Julio Torrado alertou de que “hai profesionais sanitarios incumprindo o sistema de incompatibilidades” e reclamoulle á xerente do Sergas que “vixíen as compatibilidades para que se cumpran”. Acusou aos responsables de Sanidade de incluír o réxime de incompatibilidades para “silenciar algunha crítica” interna e “resolver o problema do goberno” coas protestas dos anitarios, pero que “en nada vai resolver os problemas da sanidade”.