Elena Espinosa acusa á Xunta de renunciar á condonación de 4.000 millóns de euros de débeda mentres hai 11.108 galegos e galegas na lista de espera de Psiquiatría e “temos menos da metade de psicólogos recomendados pola OMS”
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, presentou hoxe unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que incremente os profesionais da área de Saúde Mental ata acadar a media estatal a finais de 2026. Espinosa presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento, que será votada mañá mércores, para pedirlle ao goberno galego que convoque tódalas prazas MIR desta área.
A responsable socialista afeoulle ao goberno galego que renuncie á condonación de 4.000 millóns de euros de débeda por parte do goberno central cando en xuño de 2024 había 11.108 galegos e galegas na lista de espera da consulta de psiquiatría e a espera para unha primeira cita en Psicoloxía Clínica ascende ata os 12 meses.
Explicou que a condonación da débeda permitirá mellorar a posición financeira de Galicia, garantindo máis recursos para sanidade e servizos sociais co que, puntualizou Espinosa, “con menos débeda hai máis Estado do Benestar”.
Espinosa advertiu que o goberno galego “non garante unha atención digna e accesible en materia de saúde mental” e está a perpetuar un “sistema insuficiente” na atención desta especialidade por manter o número de psiquiatras e psicólogos “á cola de Europa. Advertiu que en Galicia hai 5 psicólogos por cada 100.000 persoas, menos da metade dos 12 por 100.000 habitantes recomendados pola OMS.
Lamentou que o goberno galego estea a demostrar día a día que a saúde mental “nin lle ocupa nin lle preocupa” por moito que Galicia sexa a segunda Comunidade Autónoma na que máis se deteriorou a saúde mental nos tres últimos anos, lidera o consumo nacional de tranquilizantes, e son os segundos en consumo de antidepresivos. Ademais, os problemas de saúde mental son a segunda causa de baixa laboral e Galicia ten a segunda taxa de suicidio máis alta do Estado.