Carmen R. Dacosta denuncia que o desleixo do goberno galego provoca que o emprego medre menos en Galicia que no conxunto do Estado
A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou hoxe de que os Orzamentos da Xunta reducirán o próximo ano un total de 10 millóns de euros nas políticas activas e de fomento do emprego en Galicia. A responsable socialista interveu na comparecencia da conselleira de Emprego, Comercio e Emigración para presentar as contas do departamento para o próximo ano.
Dacosta criticou uns orzamentos “continuístas” caracterizados polo “desleixo” do goberno galego nas políticas de impulso do emprego, que provocan que este medre por debaixo da media do Estado. Advertiu que “un dos problemas que ten o mercado de traballo en Galicia chámase Xunta de Galicia, que deixa sen instrumentos de adaptación ás necesidades actuais tanto ás persoas paradas como ocupadas”.
Aludiu así a que, ademais do descenso nos Orzamentos, o goberno galego deixou sen gastar 2.184 millóns de euros que estaban asignados ás políticas de emprego dende 2009, o que supón que “quedou sen gastar un de cada tres euros” dos que estaban orzamentados. Responsabilizou á Xunta da precariedade laboral en Galicia, que se ceba especialmente nas mulleres e na mocidade, que é “invitada a marchar”, co a comunidade autónoma ten perdido máis de 20.000 mozos e mozas.
Censurou unhas contas que “non se centran en sacar a Galicia das comunidades coas taxas de actividade e de ocupación máis reducidas, e cunha creación de emprego menor” con relación á media estatal. Explicou que un orzamento “sen fórmulas innovadoras” dificulta que Galicia poida crear emprego de calidade, estendendo o “efecto desánimo” entre os mozos e mozas, que “seguen marchando na busca de mellores traballos”.
Reclamoulle á conselleira unha política de emprego dirixida tamén especificamente á incorporación das mulleres ao mercado laboral en condicións de calidade e “nas mesmas condicións que os homes para poder acadar a igualdade efectiva”. Esixiulle políticas con perspectiva de xénero en tódolos ámbitos, co obxectivo sinalado de dignificar o sector dos coidados e despregar políticas de corresponsabilidade efectiva, así como a mellora da inserción laboral das mulleres.
Comercio
Carmen R. Dacosta advertiu ademais que o goberno galego “non lle está a prestar a atención debida ao comercio”, un sector que supón o 13 por cento do PIB e 40.000 postos de traballo en Galicia. Criticou que o goberno galego aposte por unha liña “continuísta”, reducindo o peso das partidas destinadas ao sector, o que o fai “inservible” para superar a crise que está a atravesar o comercio galego.
Lamentou a “falla de compromiso” amosada polo goberno galego, que ademais de reducir as partidas nos orzamentos para o próximo ano “nin sequera executan o presupostado, perdendo oportunidades ano tras ano e amosando a súa falta de compromiso cun sector imprescindible na cohesión territorial económica e social de Galicia”.