Patricia Iglesias critica o “ilusionismo fiscal” do goberno galego, que presume de baixar impostos aos ricos mentres engorda os Orzamentos pedíndolle diñeiro ao Estado: “iso non é serio, non é rigoroso e non é leal cos galegos e as galegas”
A portavoz de Economía do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, advertiu hoxe que a política fiscal “desenfocada” da Xunta beneficia aos máis ricos mentres lles quita recursos a tódolos galegos e galegas. Iglesias presentou unha pregunta oral na Comisión de Economía do Parlamento, na que advertiu que os beneficios fiscais supuxeron a perda de 300 millóns de euros de recadación en 2023 e xa suman 2.400 dende a chegada do PP en 2009.
Advertiu que ao baixar os impostos de Patrimonio e Sucesións ou bonifican o 50 pro cento do imposto ás grandes fortunas, os galegos e galegas “teñen que ver como este verán se pecharon centros de saúde ou camas nos hospitais ou os colexios comezaron o curso con deficiencias materiais e sen persoal suficiente para cumprir as ratios de alumnos por aula.
Iglesias afeoulle ao presidente da Xunta que se negue a reforzar o autogoberno aumentando a capacidade normativa dos tributos propios, pero ao mesmo tempo aplícalle un “sablazo” aos concellos coa suba do canon de Sogama. Un canon que, lembrou, é recadado integramente pola Xunta e é un castigo por incumprir o Pacto Verde Europeo, que penaliza a Sogama por queimar e enterrar o lixo.
Acusou ao goberno galego de “practicar o ilusionismo fiscal”, incrementando as partidas orzamentarias -o que significa que necesita máis recadación fiscal- pero reducindo os ingresos procedentes dos impostos aos máis ricos. Advertiu que “non se pode soprar e sorber ao mesmo tempo” e resumiu que “iso non é serio, non é rigoroso e non é leal cos galegos e coas galegas”.