Noa Díaz urxe a colaborar entre as administracións para revisar as licencias administrativas concedidas a locais de ocio e evitar que se promova neles ningún tipo de explotación sexual
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, criticou hoxe o voto en contra do PP a unha proposta socialista na que lle reclamaba á Xunta que puxera en marcha as modificacións lexislativas necesarias para “traballar por unha Galicia libre de prostitución, garantindo sempre a protección das mulleres prostituídas”. Díaz presentou en Comisión esta proposición non de Lei na que reclamaba estudar medidas para perseguir as accións de proxenetas e tratantes de seres humanos con fins de explotación sexual.
Díaz acusou ao PP de “mirar cara outro lado” ao votar contra a proposta que pedía “impulsar as medidas necesarias para rematar coa trata” con fins de explotación sexual, que afecta maioritariamente ás mulleres. Advertiu que “a liberdade e a igualdade son incompatibles coa prostitución, unha das formas máis miserables nas que se manifesta a violencia contra as mulleres, relacionada coa marxinación, a dificultade económica e a cultura sexista e patriarcal”.
A responsable socialista reclamoulle á Xunta que colabore co resto de administracións nun plan de choque que inclúa a revisión de licencias concedidas polas administracións galegas aos locais e espazos de ocio para evitar que se promova ou desenvolva neles a explotación sexual. Tamén propuxo mecanismos de participación para que a sociedade civil poida denunciar as plataformas en liña ou calquera aplicación tecnolóxica ou rede social que favoreza ou promova a prostitución.
Emprazou a “acabar co sistema prostitucional” que “aínda hoxe existe”, e que en realidade constitúe “unha das formas máis cruentas da violencia sexual contra as mulleres e contra a súa dignidade”. Reclamoulle ao goberno galego que presente antes do Nadal un informe de seguimento da execución do I Plan Galego contra a trata 2022 – 24, concibido para erradicar a prostitución en Galicia pero que a día de hoxe a Xunta non informou do seu cumprimento.
Pediulle á Xunta que presente un informe con datos e estatísticas actualizadas sobre magnitude da trata con fins de explotación sexual e a prostitución en Galicia, fundamental para loitar contra esta práctica e que tamén está contemplado no Plan galego pero que “descoñecemos se xa existe”.
Noa Díaz explicou que estas peticións van en liña coa Resolución aprobada no Parlamento Europeo o pasado xoves 14 de setembro reclamando que se discriminalice ás vítimas de prostitución, e avoga por penalizar e sancionar á explotación e aos clientes que a soliciten, acepten ou obteñan un acto sexual a cambio de calquera tipo de beneficio.
Explicou que España é o Estado europeo con maior demanda de prostitución e o terceiro do mundo, e estímase que case o 40 por cento dos homes españois teñen pagado nalgunha ocasión por manter relacións sexuais, ademais de que é un dos principais destino de tráfico de mulleres no mundo para prostituílas.
Lembrou que a día de hoxe as mulleres e as nenas son o 71 por cento das vítimas de trata de todo o mundo, 8 de cada 10 destinadas á explotación sexual, cando a prostitución afecta a entre 40 e 42 millóns de persoas, das cales o 90 por cento depende dun proxeneta e o 75 por cento teñen entre 13 e 25 anos.