Patricia Iglesias cuestiona o compromiso do goberno galego coa infraestrutura e advirte que “as palabras as leva o vento”
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias criticou hoxe o voto do PP en contra de pedirlle á Xunta que inicie a licitación da circunvalación de Carballo no próximo ano 2025. Iglesias lamentou que entre os deputados do PP que rexeitaron este acordo se atopara o seu propio portavoz en Carballo, Rubén Lorenzo.
Iglesias, que inicialmente pedira que a licitación se producira antes de final de ano, solicitou ampliar a petición ao ano 2025, pero nin así acadou o voto favorable do PP, o que a levou a cuestionar o compromiso do goberno galego con esta infraestrutura amplamente demandada polo empresariado da localidade.
Criticou que o goberno galego está a incumprir o seu compromiso con esta obra ano tras ano, amosando que “as palabras as leva o vento” e deixando evidencia que “se lles ve o plumeiro” da súa falla de compromiso coa localidade.
Iglesias urxiu ao goberno galego a desbloquear este proxecto, que leva enriba da mesa dende 2005, cando fora incorporado ao Plan Director de Autoestradas polo presidente socialista Pérez Touriño, pero que o PP nunca cumpriu dende o goberno galego, e mesmo o fixo desaparecer dos Orzamentos dende o ano 2011 ata 2020.
Explicou que esta infraestrutura resulta “fundamental” para despregar a ampliación do Polígono Industrial de Carballo e que poida aproveitar a súa situación privilexiada, “a cabalo entre a área metropolitana da Coruña, a zona de Bergantiños, Costa da Morte e Santiago”. Ademais, resulta fundamental para garantir a seguridade viaria, reducindo o tráfico na AC-552 pola que cada día circulan familias.
Trasladou a desconfianza no compromiso do PP cunha infraestrutura que Carballo leva reivindicando dende hai máis de 20 anos, como lle lembraron á propia deputada os representantes dos empresarios do polígono cos que se reuniu a finais de maio. Advertiu que o seu suposto compromiso contradise co voto en contra no Parlamento dunha iniciativa parlamentaria pedindo esta mesma actuación a semana pasada.