Lara Méndez esíxelle ao conselleiro de Sanidade que escoite aos veciños e veciñas e aos profesionais do centro que se manifestaron a pasada fin de semana porque están “exhaustos e indignados”
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, sinalou hoxe que o Hospital Público da Mariña “nunca estivo pero” nos seus 36 anos de vida logo de 16 anos de xestión do PP na Xunta de Galicia. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lle reclamou ao conselleiro de Sanidade que escoite aos veciños e veciñas que se manifestaron esta fin de semana en Viveiro na defensa do Hospital.
Méndez instou á Xunta a atender aos cidadáns e aos profesionais do centro “exhaustos e indignados” pola falla de recursos por parte do goberno galego que os ten “sobrepasados” e impide prestar unha atención sanitaria pública de calidade. Sinalou que mentres os afectados defendían a súa saúde nas rúas, os representantes do PP “facían un Mazón” índose “de paparota” a Viveiro, en alusión ao certame convocado polo deputado galego do PP no Congreso Miguel Tellado.
Criticou que o concelleiro de Sanidade bote “balóns fora” sinalando ao goberno central ou apuntando que a situación é mellor que hai un ano, cando en realidade estalle a facer unha “emenda á totalidade” da xestión de Feijóo e Rueda. Apuntou que a atención primaria está ao borde do colapso pola “xestión absolutamente deficiente durante 16 anos”, por parte do goberno galego, que deixa cupos sen cubrir, centros de saúde sen médicos e médicas de familia e esperas interminables.
Datos camuflados
A responsable socialista acusou ao goberno galego de presentar datos “maquillados e camuflados”, ao agochar as listas de espera reais. Explicou que os datos “oficiais” revelan esperas de 159 días para Cardioloxía, e 140,5 en Psiquiatría, sen ter en conta os milleiros de pacientes que agardan ata dous anos no “buzón” de espera do Sergas antes de entrar nas listas, e que evidencian unha realidade “insostible e insoportable”.
Puxo como exemplo o caso dun paciente de Uroloxía no Hospital da Mariña -que ten unha espera “oficial” de 39 días- que leva agardando 5 anos e 5 meses para ser atendido, ou o paciente con párkinson que se plantou diante do centro ata que lle deran cita porque levaba un ano de espera.
A responsable socialista trasladou hoxe as queixas do persoal do Hospital logo de manter unha xuntanza a semana pasada con representantes da Xunta de Persoal e facultativos do propio centro, de Atención Primaria e do Punto de Atención Continuada.