Carmen R. Dacosta urxe ao goberno galego a poñer en marcha un verdadeiro Plan de rescate e revitalización do comercio que dea unha “resposta inmediata e contundente” á crise do sector
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta criticou que o Plan de Comercio da Xunta ten “moita literatura e pouca concreción”, e supón unha “autoemenda” ás liñas de actuación dos últimos anos. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, que presentou “tarde, mal e arrastras” este documento no Pleno do Parlamento.
A responsable socialista abundou na crítica ao sinalar que o documento ten “moito texto pero pouca chica” e vén trufado de “accións xenéricas e abstractas” e liñas de actuación “intanxibles” co único obxectivo de “buscar un novo foco de difusión e propaganda para o goberno galego”. Advertiu que a situación “preocupante” do sector esixe “unha resposta inmediata e contundente por parte da Xunta de Galicia”.
Reclamou “un verdadeiro Plan de rescate e de revitalización do comercio” para salvar “anos de inacción e de falla dun apoio decidido” por parte do goberno galego, que deixou desatendido a todo un sector que “afecta ao corazón das cidades e do rural galego, cun gran impacto na economía local, no emprego e na calidade de vida dos cidadáns”.
Criticou a xestión do goberno galego, que converteu o “bono remuda” nun “verdadeiro desastre”, que se negaron a financiar e apoiar os premios tipo tarxetas prepago solicitadas polos comerciantes, pero logo “foron os primeiros en poñerse nas fotos da entrega dos premios”. Afeoulle ao goberno galego que se negara a complementar o financiamento europeo, e se negan a publicar as subvencións para as asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro.
Reclamoulle ao goberno galego que apoie aos negocios locais que “xeran arredor de 40.000 postos de traballo e 20.000 comercios que representan o 13 por cento do PIB galego ao longo dos 313 concellos galegos.