Begoña Rodríguez Rumbo denuncia “falla de respecto institucional” aos alcaldes e alcaldesas que quedan fora de actos da Xunta aos que si invitan aos candidatos do PP
A portavoz de Política Municipal do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou hoxe o “uso partidista” da Xunta como plataforma de publicidade electoral para os candidatos municipais do PP. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento diante do rosario de casos nos que o goberno galego vén de convocar aos candidatos do PP deixando fora aos alcaldes e alcaldesas.
A responsable socialista denunciou a “falla de respecto institucional e ataque á democracia” cos que lles “faltan ao respecto a tódolos veciños e veciñas de Ferrol, de Viveiro, de Vilalba, de Forcarei, de Pontevedra, de Moaña e un longo etcétera de concellos nos que vostedes non gobernan”, pero nos que aproveitan actos do goberno para promocionar aos seus candidatos.
A parlamentaria socialista realizou un relatorio dalgúns destes actos ao longo de toda Galicia, comezando por Ferrol, onde que a conselleira de Infraestruturas anunciou investimentos financiados polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia xunto co candidato do PP pero nos que deixaran fora ao alcalde da localidade, o socialista Ángel Mato.
En Viveiro, foi o delegado territorial do goberno galego o que fixo a entrega de chaves dunha vivenda en Mondoñedo e Viveiro xunto co alcalde da primeira localidade, do PP, e o portavoz de Viveiro, pero no que a alcaldesa, María Loureiro, foi excluída. O mesmo que sucedeu en Vilalba, onde os concelleiros do PP e o delegado territorial anunciaron proxectos de mellora no IES Lois Peña nun acto no que a alcaldesa, a socialista Elba Veleiro, non foi convidada.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, lembrou, anuncia a través da web da Xunta varios investimentos para o concello xunto coa candidata do PP nun acto para o que a alcaldesa socialista Verónica Pichel, tampouco foi avisada, mentres o xerente da área sanitaria de Pontevedra confirma melloras no PAC ao candidato do PP pero non á alcaldesa Marta Freire.
O propio conselleiro de Presidencia, sinalou, protagonizou a entrega de equipamento de deporte a clubes e entidades de Pontevedra sen convidar ao alcalde da cidade, o mesmo que antes fixera o delegado territorial para anunciar melloras no IES A Xunqueira I da mesma cidade.