Leticia Gallego reclámalle ao goberno galego que faga partícipes aos concellos na xestión dun fenómeno que está a condicionar a xestión do turismo tamén a nivel local
A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, pediu hoxe a constitución dunha Mesa de Diálogo entre a Xunta, a Fegamp e o sector turístico para abordar o impacto da vivenda de uso turístico. Gallego presentou unha proposición non de Lei en Comisión para pedirlle á Xunta que faga partícipes aos concellos da xestión deste fenómeno, pero que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista acusou ao PP de “excluír” aos concellos galegos cando son “fundamentais” á hora de abordar este asunto. Gallego emprazou ao goberno galego a “facer unha reflexión profunda sobre as vivendas de uso turístico, e sobre todo dialogar e contar con todos e cada un dos concellos galegos” a través dunha Mesa multilateral na que teñan cabida a través da representación na Federación Galega de Municipios e Provincias.
Leticia Gallego reivindicou ademais un modelo de turismo que teña “a capacidade para convivir coa súa contorna dun xeito respectuoso e simbiótico, onde a sustentabilidade non só é unha aposta política e empresarial, senón que debe constituír o principal atractivo para as e os viaxeiros”. Advertiu que a sustentabilidade social, económica, ambiental e territorial será unha condición necesaria no modelo de turismo do futuro.
Propuxo o impulso de “produtos e experiencias turísticas integrais, competitivas para todos os perfís” e que combinen os diferentes tipos de turismo, ademais de impulsar o turismo rural en tódalas súas expresións, “dende o agroturismo ata o ecoturismo, prestando especial atención ás actividades natureza e aventura”.
A parlamentaria socialista emprazou ao goberno galego a seguir a senda marcada polo goberno presidido por Pedro Sánchez, que está a apoiar a un de cada dous concellos a través dos 34 plans de sustentabilidade turística que está a financiar en Galicia. O mesmo goberno que ten destinado 200 millóns de euros de investimento á modernización do turismo galego dende 2020, en contraste cos apenas 1,5 millóns de euros de axudas para dixitalización que dedica a Xunta.
Reclamou que “recoñezan que todo o que está a facer a Xunta neste eido é grazas ao Goberno de España”, antes de advertir das consecuencias do seu desleixo, que provocou a baixada de turistas en Galicia dende os 784.269 rexistrados en xullo de 2022 a 256.584 no mesmo mes deste ano, cunha caída de 27.685 aloxamentos neste ano.