Paloma Castro advirte que a Xunta leva anos sen asumir o mantemento das vías autonómicas, poñendo en risco a seguridade peonil e incumprindo a Lei de Accesibilidade
A parlamentaria socialista Paloma Castro acusou hoxe a Xunta e PP de “tomarlle o pelo” aos veciños e veciñas de Vilagarcía ao negarse a reformar as avenidas de Cambados -PO-549-, Agustín Romero -PO-301- e Rosalía de Castro -PO-548-. Así o dixo logo de que o PP rexeitara a proposta na que lle reclamaba ao goberno galego que garantira a seguridade viaria nestas estradas de titularidade autonómica.
Afeoulle ao goberno galego que leve “anos” evitando facer ningún tipo de actuación nestas avenidas, polo que neste momento atópanse “en malas condicións, poñendo en risco a seguridade peonil e incumprindo a Lei de Accesibilidade”. Acusa á Xunta de eludir a súa responsabilidade para garantir o mantemento das beirarrúas, da iluminación, o fresado dos aparcamentos e do vial ou mesmo a pintura, cando son competencia do goberno galego.
Advirte que a situación destas vías “xa non é un tema de mantemento, senón que é un problema estrutural” que lle corresponde ao goberno galego, pero que é o Concello o que leva anos asumindo as tarefas de mantemento mínimas, malia que non lles corresponde.
Castro lembra que o Concello intentou sentarse coa Consellería de Obras Públicas para delimitar as actuacións necesarias e converter estas avenidas en vías urbanas, xa que atravesan o núcleo urbano, pero “non recibiu resposta”. Mesmo obviaron o acordo plenario do Concello que pedía precisamente converter as vías en urbanas para evitar o tráfico de vehículos pesados ao Porto.
Criticou que o goberno galego non queira falar co Concello de Vilagarcía cando ao mesmo tempo asume sen problema as obras de mantemento da mesma Avenida de Cambados pero no tramo que transcorre por Vilanova de Arousa, que está gobernado polo PP, pero deixan á marxe o tramo de Vilagarcía.
Acusou ao PP de “botar balóns fora” ao reclamarlle ao goberno central que actúe na N-640, unha actuación que o Ministerio de Transportes xa está a levar a cabo cun orzamento de 9 millóns de euros. Lamentou que o PP e o goberno galego “prefiren dedicar o seu tempo a mirar con lupa as estradas estatais ou as das deputacións de Lugo ou da Coruña que a ocuparse das súas propias”.