Julio Abalde acusa a Sanidade de “non facer valer o convenio asinado” co Concello deteriorando a calidade da sanidade de 30.000 veciños e veciñas
O parlamentario socialista Julio Abalde acusou hoxe a Xunta e Concello de Noia de suprimir 1.000 metros cadrados de superficie útil no proxecto para o novo Centro de Saúde de Noia, reducindo unha cuarta parte o proxecto asinado en 2022 pola redución na superficie disposta dende o Concello. Abalde presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Sanidade para que a Xunta fixera valer o proxecto asinado, pero que foi rexeitada polo PP.
Abalde explicou que de acordo co convenio asinado en 2022, o concello poñería a disposición unha parcela de 1.900 metros cadrados para construír un centro de dúas plantas cunha superficie de 4.200 metros cadrados, pero no proxecto que saíu a licitación finalmente o concello reduciu a parcela ata os 1.300 metros cadrados, obrigando a facer un Centro máis pequeno, con 3.300 metros cadrados útiles, “perdendo polo camiño 2 millóns de euros” na construción.
Con esta decisión, dixo, obriga a mudar o deseño do Centro de Saúde para dotalo de máis plantas, dificultando a súa funcionalidade e incumprindo os criterios de calidade do propio Sergas, que sinala que os centros de saúde teñan 1 ou 2 plantas como máximo. O responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que siga o mesmo camiño que no veciño concello de Porto do Son, onde obrigou a mudar os terreos cedidos polo Concello para manter o número de plantas que recomendan.
O responsable socialista sinalou que o único que mudou entre 2022 e 2025 foi o conselleiro de Sanidade, demostrando que neste momento a calidade do servizo “non é a prioridade” do goberno galego. Salientou a importancia de ofrecer un servizo de calidade nesta vila, que acubilla ao centro de referencia en Urxencias para 30.000 veciños e veciñas de Noia, Lousame, Outes e Porto do Son.