Paloma Castro denuncia que o goberno galego “incumpliu a normativa” co parque eólico de Mondoñedo, “evitando o informe medioambiental”
A viceportavoz de Grupo Socialista, Paloma Castro, urxiu reforzar as garantías medioambientais dos territorios afectados pola instalación de novos parques eólicos, xa que “non se pode tolerar que o goberno galego faga a vista gorda ou trampee”, como “co parque eólico de Mondoñendo, onde incumpliu a normativa, evitando o informe medioambiental”. Castro levou este asunto á Parlamento a través dunha proposición non de Lei ao Parlamento, que foi rexeitada polo PP.
Castro instou a prestar “especial atención á protección do territorio pertencente á Rede Natura e as súas futuras expansións, impedindo en todo caso o fraccionamento de proxectos de parques eólicos que se está a producir na nosa comunidade en vulneración da lexislación vixente”. Así, destacou a protección do medio ambiente como “eixo fundamental das nosas políticas”, xa que “as enerxías renovables constitúen unha alternativa ao modelo de desenvolvemento enerxético e económico”.
A responsable socialista lamentou que pese “ao forte desenvolvemento eólico” dende 1997 ata 2008, “coa entrada no goberno do PP de Feijóo, chegou a falla de aposta polo sector, unido á inseguridade xurídica creada polo novo goberno da Xunta e sumado ás políticas de bloqueo ás renovables que levaron a cabo dende o goberno central de Rajoy”.
“Dende 2009 ata 2018 foron instalados 277 MW”, subliñou, “o que supuxo unha perda millonaria na inversión en Galicia” e a renuncia a “crear miles de postos de traballo”. Así, “a paralización do crecemento do sector eólico foi total ata o ano 2018”, aseverou.
Castro destacou que, fronte a esta política, “no ano 2019, volveu a Galicia o crecemento da potencia instalada en parques eólicos con máis de 415 MW e 18 parques novos”, o “que supuxo case o dobre do instalado nos 10 anos anteriores”. Ademais, asegurou que este 2020 “se chegará preto dos 4.000 MW” no noso territorio.
A responsable socialista instou a “non repetir os erros cometidos no pasado” e modificar o marco normativo “para que veciñanza, comunidades e concellos reciban unha compensación axeitada pola instalación dos parques” no seu territorio.
Ademais, Castro avogou por “adaptar ás novas situacións” o Plan Eólico Sectorial de Galicia, de xeito que, ademais de “reforzar as garantías medioambientais” e “garantir o benestar da veciñanza das zonas rurais próximas”, se regule “un marco de protección fronte ás grandes empresas” e a poboación rural se poida beneficiar “unha maneira xusta da presenza desta industria nos seu territorios”.
Por último, a socialista aplaudiu a convocatoria de axudas de 12 millóns de euros que vén de autorizar o Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para “apoiar o investimento en instalacións de xeneración eléctrica con fontes de enerxía renovable en Galicia”. Así, “isto mobilizará un investimento privado adicional de máis de 33 millóns de euros, xerando emprego local e loitando contra o cambio climático”.
Neste senso, a responsable socialista salientou que “as axudas suporán unha aposta importante polo impulso ás renovables eléctricas en sectores como a automoción, forestal e madereira, turismo e electrointensiva”.