Patricia Iglesias subliña que o goberno galego converteu á pasteira nun “proxecto político” e un “exemplo de opacidade, vaivéns e mentiras”
A portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, criticou que a Xunta responda con “demagoxia e soberbia” á mobilización social contra a macrocelulosa de Altri, que derivou na concentración masiva desta fin de semana na Pobra do Caramiñal. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Economía hoxe no Pleno do Parlamento.
A responsable socialista criticou que a conselleira fale “con desprezo” e responsabilizou ao goberno galego de ter convertido á pasteira nun “proxecto político” e “un exemplo de opacidade, vaivéns e mentiras”.
Acusou ao Executivo de “tirar balóns fora” e de “eludir gobernar” logo de aprobar a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto e apuntar agora para o goberno central cando está pendente a Autorización Ambiental Estratéxica e a autorización final que lle corresponde á Xunta de Galicia. Advertiu que “o que máis desconfianza provoca é o silencio, a opacidade e tamén a mentira” coas que o goberno galego está a xestionar este proxecto.
Cuestionou a viabilidade económica dun proxecto que precisa de250 millóns de euros a fondo perdido, e reclamoulle que explique o impacto mediambiental sobre os acuíferos e o medio ambiente de Galicia por parte dunha iniciativa que carece de proxecto de economía circular.
A parlamentaria socialista reclamoulle á conselleira de Economía e industria que “gobernen por e para os galegos e as galegas, antes que para os intereses das multinacionais ou para os intereses de Feijóo”, que “se abraza cada vez máis aos negacionistas de Vox que negan o feminismo, son racistas e negan o Pacto Verde europeo”.
Iglesias reivindicou un gran acordo industrial para que Galicia “lidere a reindustrialización sostible da man da transición enerxética” fronte a un goberno galego que se caracteriza por unha “política de propaganda, de ir tirando, de cor gris e de falta de ambición”. Mentres, dixo, a súa política industrial “carece de marca propia galega, sumida no caos de xestión no desenvolvemento da enerxía eólica e na parálise de moitos dos proxectos industriais estratéxicos.