Begoña Rodríguez Rumbo reclámalle ao goberno galego que retire o recurso ante o TC que presentaron “en contra dos intereses dos galegos e das galegas para favorecer só á minoría que máis ten”
A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe á Xunta de presentar un recurso contra o imposto temporal ás grandes fortunas para beneficiar “aos seus amigos, aos ricos, á súa xente de ben”. Rodríguez Rumbo presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para pedirlle ao goberno que retire este recurso, que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de “beneficiar aos que máis teñen, á súa ‘xente de ben’ -en alusión ás desafortunadas declaracións de Feijóo-, que mentres piden contención incrementan os seus salarios en 400.000 euros, os que aumentan os beneficios a costa da obra pública e logo marchan a cotizar fora de España”.
Advertiu que o recurso “non foi presentado pensando nos vulnerables, nas axudas á xuventude, as bolsas a estudantes, da FP, os servizos básicos, as políticas sociais, a reposición da tarxeta básica ou as políticas de vivenda”. Contrastou esta medida aplicada polo goberno do Estado coa política fiscal da Xunta, que reduce o imposto sobre o Patrimonio para reducir a metade aos patrimonios de máis de 1 millón de euros, beneficiando aos 7.700 galegos e galegas máis ricos.
Rodríguez Rumbo dixo que con esta decisión o goberno galego “quita a máscara” e demostra “patriotismo de pacotilla”, acusándoos a continuación de ser “constitucionalistas só para levar pulseiriñas, enarbolar himnos e enrolarse en bandeiras”. Lamento que “á hora da verdade prefiren que canto peor, mellor” e “poñen os intereses do seu partido por riba dos intereses dos galegos e das galegas”.
Contrastou a política do goberno galego, que reduce impostos aos máis ricos e leva ao constitucional os impostos ás grandes fortunas do goberno central, co paraugas social despregado polo goberno presidido por Pedro Sánchez. Enumerou as medidas postas en marcha para protexer á cidadanía diante da crise provocada polos efectos da covid e da guerra de Ucraína, comezando polos ERTEs, as rebaixas fiscais á enerxía e os bonos sociais térmico e eléctrico.
Sinalou tamén a posta en marcha do tope aos prezos da enerxía, a baixada do IVE aos alimentos, a limitación dos prezos do butano e dos alugueiros mentres suspenden os desafiuzamentos, as bonificacións ao carburante e ao transporte, as axudas ás rendas máis baixas ou o incremento do Ingreso Mínimo Vital nun 8 pro cento e do SMI nun 8 por cento. Tamén apuntou ás bolsas de estudo, o investimento en FP ou a reforma laboral que o PP intentou tumbar.