Carlos López Font defende a preservación do litoral cunha xestión responsable e equilibrada dos recursos fronte á norma da Xunta “ancorada no desenvolvismo” que quere “encher a costa de cemento”
O portavoz de Ordenación do Territorio do Grupo Socialista, Carlos López Font, acusou hoxe á Xunta de provocar unha confrontación “populista e irresponsable” aprobando unha Lei do Litoral deliberadamente inconstitucional. Replicou ás críticas do PP desta fin de semana reivindicando unha xestión responsable e equilibrada dos recursos mentres o goberno galego escolle o “comportamento populista e irresponsable, provocando unha inseguridade xurídica que acaban pagando os cidadáns galegos”.
Defendeu a preservación do litoral e a compatibilidade sostible dos usos en beneficio da sociedade mentres o goberno galego continúa “ancorado no desenvolvismo de mediados do século XX. Criticou que antepoñan o negocio económico a calquera consideración ambiental, facendo dogma do “todo urbanizable” de Aznar co que queren “encher a costa galega de cemento”, desprezando o valor ambiental das costas.
O goberno galego, engadiu, prefire darlle barra libre aos intereses privados para actuar sobre o patrimonio común en beneficio duns poucos, cando Galicia si que dispón de alternativas para asumir a competencia de xestión do litoral “sen saltarse ás bravas a Constitución nin ir pola porta traseira”. Explicou que a Xunta optou pola vía unilateral, actuando á marxe da legalidade sobre un asunto que nos 7 anos de Rajoy non estaba sobre a mesa nin producira unha soa reclamación.
Á actuación do goberno galego evidencia a dobre vara de medir do PP, que de palabra asegura defender a Constitución, a igualdade dos españois e preservar a integridade do Estado, pero “cos seus feitos fan exactamente o contrario”. Explicou que a Lei da Xunta “vulnera abertamente a Constitución, rompe coa igualdade e menoscaba o dominio público estatal sobre a zona marítimo terrestre”.
Trátase dunha Lei “marca PP”, aprobada no Parlamento de Galicia o pasado 6 de xullo cos únicos votos do PP, tramitada “a fume de carozo e sen apenas debate, coa única intención de instrumentalizala con fins electorais”. Criticou que “aprobaron unha Lei que sabían que é inconstitucional e xerando unhas expectativas que saben perfectamente que non van poder cumprir”.