Julio Torrado lamenta a “inflexibilidade” da nova dirección da Consellería do Mar ao negarse a actuar na orixe da “evidente” perda continuada da produción
O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe que a Xunta “minusvalora por completo” e chega a negar a caída continuada da produción marisqueira en Galicia diante da “desesperación do sector”. Torrado presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca do Parlamento na que lamentou a “inflexibilidade” da nova dirección da Consellería do Mar ao negarse a actuar na orixe do problema.
Acusou á Xunta de evitar afrontar a situación para evitar o “custe de decisións políticas” mentres un sector enteiro languidece. Criticou que sexan “permisivos” coas empresas responsables das presas que acometen o “baleirado descontrolado sen aviso, sen medida e de maneira furibunda”, alterando a salinidade e provocando a mortalidade dos bivalvos, mentres evitan responsabilizarse da falla de saneamento das rías e néganse a realizar estudos reais sobre a situación.
Criticou que a única resposta da Consellería do Mar siga a ser eludir calquera responsabilidade sobre a situación, cando teñen “capacidade” de actuar sobre algunhas das causas que se atopan detrás deste fenómeno “e non o fan”. Lamentou que a nova dirección do Departamento se estea a amosar “continuísta” coa anterior conselleira, que deixou a Xunta para ser candidata ao congreso pola provincia de Ourense, a única sen mar de Galicia.
Alertou de que Galicia levas 14 anos, os mesmos que o PP leva na Xunta nesta etapa, nos que Galicia perdeu capacidade produtiva, perdeu persoas que viven do sector, ten menos capacidade, menos impacto e en definitiva “un sector máis débil”. Lembrou que o PP chegou en 2009 con 6.500 permisos de explotación marisqueira fixándose o obxectivo de subir a 8.000, pero a realidade é que “hoxe estamos por debaixo dos 4.000” pola baixa produtividade.
Acusou á Consellería de aludir unicamente aos datos de produción de 2014 porque naquel ano rexistraron a peor produción, pero lembrou que con respecto a 2019, antes da pandemia, tanto o berberecho, como a ameixa xapónica como babosa e fina perden quilos e produción.