Silvia Longueira puntualiza que “cando a realidade non lles da a razón encargan a unha empresa privada que lles diga o que queren” como fixeron coa fusión das caixas ou co Hospital Álvaro Cunqueiro
Acusa ao goberno galego de convocar as Comisións do acordo pola lingua para evitar tomar medidas de urxencias e adiar un ano máis a toma de decisións
A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou hoxe ao goberno galego de encargar unha enquisa “ad hoc” sobre a situación da lingua para “fabricar unha Galicia imaxinaria” que non existe. Longueira presentou unha pregunta na Comisión de Cultura que se celebrou hoxe no Parlamento na que acusou á Xunta de intentar agochar que “en 15 anos destruíron todo o traballo feito a favor do galego”.
A responsable socialista defendeu a lexitimidade dos estudos elaborados polo Instituto Galego de Estatísitca -IGE-, que revelan que logo de 15 anos de políticas lingüicidas por parte do PP, que comezou destruíndo o acordo do Plan de Normalización, e continuou impoñendo o Decreto do Plurilingüismo, conseguiu que o galego fora por primeira vez menos falado que o castelán-
Afeoulles que encargaran unha enquisa alternativa a unha empresa privada contratado “a dedo” porque “cando a realidade non lles da a razón encargan a alguén que lles diga o que queren escoitar”. Lembrou que é o mesmo esquema que seguiron antes para xustificar a fusión das caixas ou para cambiar o modelo de hospital no Álvaro Cunqueiro que acabou cun sobrecuste de 470 millóns de euros.
Criticou que teñan convocado as comisións sobre un suposto acordo pola lingua para adiar un ano máis a toma de decisións, e esixiulle ao goberno galego que tome medidas de urxencia para actuar “fronte ao desmoroamento da lingua galega “. Advertiu que “tendo as ferramentas legais necesarias”, prefiran optar pola “inacción”, fiándoo todo ao futuro.
Sinalou que “non hai nin se espera unha planificación de urxencia a curto prazo”, senón que optan polo “marketing” chamando ás outras forzas políticas para “arranxar o problema que crearon dende o goberno do PP” e que vai “devir nunha realidade triste e sen volta atrás”. Advertiu que “perdemos cada día que non se actúa e renuncian a liderar a restauración da cultura galega”.