Patricia Iglesias considera “intolerable” que o goberno galego prefira atacar ao TSXG e ao goberno central para “agochar a súa propia incompetencia” ao incumprir coa distribución de zonas protexidas
Advirte que a negativa do goberno galego a adaptar as zonas sensibles está a provocar a suspensión de 77 parques eólicos que supoñen 2.000 MW e a perda de 6.000 millóns de euros en investimentos
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou ao goberno galego de dar “escusas de mal pagador e directamente mentir” para agochar a súa responsabilidade directa na paralización do sector eólico en Galicia. Iglesias advertiu que o empecinamento da Xunta por obviar as zonas de sensibilidade ambiental está a provocar a suspensión de 77 parques eólicos, que supoñen 2.000 MW de potencia e a perda de 6.000 millóns de euros en investimentos.
Iglesias cualificou de “intolerable” que o goberno galego prefira atacar ao TSXG e ao goberno central para “agochar a súa propia incompetencia” ao incumprir coa distribución de zonas protexidas. A responsable socialista replicoulle ás “declaracións vergoñentas” da conselleira de Medio Ambiente esta mesma semana para “agochar a súa propia incompetencia debaixo da alfombra” e “mentindo” ao dicir que a totalidade da superficie galega estaba protexida contra a implantación de eólicos.
A responsable socialista emprazou ao goberno galego a “facer os deberes” e cumprir coa zonificación e planificación territorial de zonas protexidas para implantar os parques eólicos. Explicou que o Plan sectorial eólico en vigor remóntase ao ano 1997, polo que o seu desenvolvemento territorial non está adaptado á lexislación de sustentabilidade ambiental, como a Directiva de Biodiversidade, Directiva de Hábitats e Ecosistemas e a III Directiva de Renovables.
Dixo que o que ten que facer a Xunta é ter en conta o Marco de Acción Prioritaria para a ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia seguindo a normativa comunitaria, e así autorizar os parques eólicos “onde realmente poden construírse”, para evitar que segan a ser suspendidos.
Puntualizou que a zonificación de sensibilidade ambiental está a ser aplicada dende o ano 2021 en todo o Estado, e lembrou que moitas comunidades autónomas gobernadas polo PP adaptaron as súas lexislacións, e por iso están a avantaxar a Galicia no despregamento da eólica. É o caso de Aragón, Castela e León ou Valencia, que “tiveron o mesmo tempo que o goberno galego”, pero este preferiu “construír a casa polo tellado e botarlle a culpa ao TSXG: intolerable”.
Iglesias explicou que esta situación deriva da falla dunha política enerxética por parte do goberno galego e a súa decisión de paralizar o concurso eólico en 2009, que deixou fóra do desenvolvemento eólico 2.325 MW e máis de 5.000 millóns de euros en investimentos.
Esta decisión supuxo que os galegos e galegas tiveran que soportar o pago de preto de 200 millóns de euros polas demandas de responsabilidade patrimonial das empresas promotoras afectadas. 16 anos despois, engadiu, o goberno galego leva 13 modificacións á Lei do Sector eólico, ten xa 77 parques eólicos suspendidos e todo un sector sumido na inseguridade xurídica e un caos sen precedentes.