Patricia Iglesias anuncia unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle ao goberno galego que cumpra coa norma en Galicia
Paloma Castro reclama a posta en marcha dun Plan para a Recuperación da Memoria Histórica e reivindicar a represión exercida contra as mulleres durante a ditadura
As portavoces de Calidade Democrática e Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Iglesias e Paloma Castro, acusaron hoxe á Xunta de “tender un manto de silencio” sobre a Memoria Democrática, á que non destinan “nin un euro” de Orzamentos propios para obstaculizar o seu cumprimento en Galicia. Anunciaron que os socialistas rexistrarán unha batería de iniciativas parlamentarias para rehabilitar a memoria dos milleiros de galegos e galegas represaliados pola ditadura e dos seu familiares.
Iglesias criticou que o goberno galego está a “arrastrar os pés” para evitar cumprir en Galicia a norma aprobada no Congreso en outubro de 2022 “ao igual que fixeron con toda normativa que implique o avance dos dereitos sociais”. Advertiu que esta norma segue o mesmo camiño que a Lei de Dependencia, a interrupción voluntaria do embarazo, as políticas de igualdade, a dignidade dos enfermos terminais ou a Lei de Vivenda, ao obstaculizar a fixación de zonas tensionadas.
A responsable socialista esixiulle ao goberno galego que cumpra escrupulosamente cunha normativa estatal dirixida a “pasar definitivamente páxina da etapa máis negra da nosa historia, da ditadura e da guerra civil, e abrazar e reivindicar ás persoas que loitaron pola democracia, pola Transición, pola Lei de Amnistía e pola Constitución. Subliñou que “Galicia tamén ten dereito ao reencontro para ser un lugar mellor, máis digno e máis humanitario”.
Pola súa banda, a portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, denunciou o “filibusterismo político” do goberno galego coa normativa coa que non están de acordo, antes de lembrar que “aniquilaron” o Plan de Memoria galego que deixara en marcha o goberno de Pérez Touriño cun millón e euros de orzamento que desapareceron das contas dos gobernos do PP.
Advertiulle a Rueda que se manteña á marxe da “deriva fascista” do PP no Estado, que está a dar pasos cara ás teses da ultradereita no resto do Estado para reescribir a historia e equiparar os anos da república coa ditadura ou prohibir actos de homenaxe aos represaliados.
Día de recordo
Por iso os socialistas galegos presentarán unha serie de iniciativas parlamentarias para propoñer a declaración do 8 de maio como día de recordo e homenaxe ás vítimas do exilio como consecuencia da Guerra Civil e da ditadura. Tamén propoñen declarar o 31 de outubro como referencia ás loitas individuais e colectivas dos homes e as mulleres de España pola conquista dos dereitos, as liberdades e a democracia e día de recordo e homenaxe a tódalas vítimas.
O Grupo Socialista reclámalle á Xunta que elabore un Plan de Recuperación da Memoria Histórica en Galicia, así como a creación do Instituto da Memoria, a Convivencia e os Dereitos Humanos. Lembra a obriga de visibilizar e reivindicar ás mulleres como suxeitos políticos vítimas da represión “co fin de facer xustiza con elas, e para que as nenas do futuro poidan ter como referentes a todas aquelas mulleres que loitaron pola liberdade, a democracia e a nosa autonomía”.
En resposta a preguntas dos xornalistas, a viceportavoz do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, esixiulle ao goberno galego que “empece a facer política”, e advertiu das consecuencias do retraso na investidura do presidente galego, que impide comprometer gasto orzamentario ao manter ao goberno en funcións.
Iglesias criticou que logo de demostrar na campaña e na precampaña que “sabían facer compromisos de gasto”, agora “temos que ver unha inexecución orzamentaria moi importante nos Orzamentos vixentes.