Patricia Iglesias advirte que a inseguridade xurídica provocada polo goberno de Rueda lastra unha política industrial e enerxética que “non é recoñecible” e camiña “sen rumbo fixo”
Cualifica á Sociedade Recursos de Galicia de “chiringuito Frankenstein, que nin vai ser pública, nin vai ser social nin vai abaratarlle a luz a tódolos galegos e galegas”
A portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, dixo hoxe que os Orzamentos da Xunta deixan a Galicia “ao ralentí”, medrando por debaixo da media estatal e cunha política enerxética e económica “a velas vir”, que deriva “sen rumbo fixo”. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Economía, Industria e Innovación para presentar os Orzamentos do seu departamento para 2025.
Iglesias sinalou que as contas desta consellería “carecen dunha aposta real polo desenvolvemento económico, industrial e enerxético do noso país”, que amosan falla de ambición e de proxecto para unha Galicia que medra moi por debaixo do resto do Estado, un 2,1 fronte ao 3,1 por cento de media. Advertiu que “non compartimos nin a política fiscal, nin a política de gasto e investimento, como tampouco a insuficiencia da política social e de servizos públicos”.
A responsable socialista apuntou que a política enerxética e industrial da Xunta vai “de bandazo e bandazo” ata chegar á creación da Sociedade Recursos de Galicia, que cualificou de “chiringuito Frankenstein”. Criticou a iniciativa do goberno galego que “nin vai ser pública, nin vai ser social nin vai abaratarlle a luz a tódolos galegos e galegas” e reivindicou a creación dunha sociedade “cen por cen pública de enerxía”.
Responsabilizou ao goberno galego dunha política enerxética e industrial que “non é recoñecible, porque está sumida nunha inseguridade xurídica sen precedentes” pola paralización sistemática de proxectos de enerxías renovables polo incumprimento da normativa ambiental por parte do Executivo autonómico.
Altri
Criticou a incapacidade na súa xestión da política industrial, cos principais proxectos “ou parados ou en situación de standby”, e puxo o proxecto de macroplanta celulosa de Altri como “exemplo da súa parálise e inacción”. Esixiulles á Xunta “explicacións políticas” para dar conta dos “bailes” de cifras de emprego, os problemas medioambientias e o financiamento que prevé concederlle a un proxecto cunha viabilidade cuestionable xa que nace pedindo 250 millóns de investimento público.
Resumiu que a economía galega medrará menos que no resto do Estado, o “caos” de xestión das renovables “é un feito”, o emprego industrial “segue estancado” e o emprego “·medra a un ritmo 6 veces inferior que no conxunto de España”. Apuntou que Galicia “vive do impulso do conxunto do Estado”, evidenciando que “non existe pulo político propio”, como revelan os orzamentos para o próximo ano.