Paloma Castro reclama no Parlamento un centro de atención diúrna para persoas adultas con Trastorno do Espectro Autista en Pontevedra e reclama “máis inclusión e máis igualdade”
A parlamentaria socialista Paloma Castro acusou hoxe á Xunta de “abandonar á súa sorte” ás persoas diagnosticadas con trastorno do espectro autista -TEA- en canto chegan á idade adulta. Reclamou “máis inclusión e máis igualdade” a través de atención pública para as 27.000 persoas diagnosticadas con TEA en Galicia, que en canto chegan aos 21 anos perden a atención educativa e asistencial, víndose obrigadas a competir polas escasas prazas residenciais e, na maioría dos casos, quedar na casa ao coidado da familia.
A responsable socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para pedirlle á Xunta que asuma a construción dun centro de atención diúrna para persoas adultas con TEA no Concello de Pontevedra. Ademais, o Grupo Socialista rexistrará unha serie de iniciativas para garantir a atención pública de calidade a estas persoas a nivel de toda a Comunidade Autónoma.
Paloma Castro alertou fronte ás “escasas” políticas desenvolvidas polo goberno galego para a integración, apoio e asistencia a estas persoas e ás súas familias, que precisan dunha atención “integral”, que inclúa apoios individualizados, especializados e baseados na evidencia científica “que promovan a súa calidade de vida e o exercicio efectivo dos seus dereitos”.
Sinala que estas persoas teñen acceso á educación nun centro público ordinario con apoio específico ou ben nun centro de educación especial, pero só ata os 21 anos. Sen embargo, a partir desa idade os recursos demóstranse “claramente insuficientes”, con dificultades reais para atopar centros adecuados onde poidan recibir a atención que precisan, co que “non teñen máis opción que quedar na casa ao cargo de coidados familiares”.
Esta situación provoca un serio prexuízo para o seu desenvolvemento e “un problema de conciliación para as súas familias. Castro reclamoulle ao goberno galego que poña a disposición destas persoas con discapacidade e as súas familias “máis servizos, máis facilidades e máis coidados, e en definitiva máis inclusión e máis igualdade”.
Pontevedra
Paloma Castro presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que asine un convenio de colaboración co Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial no que asuma o financiamento da construción dun centro de atención diúrna con prazas públicas específico para persoas adultas con TEA.
A responsable socialista lembra que a comarca non dispón de ningún centro específico destas características, xa que os máis próximos atópanse en Vilagarcía, con 35 prazas, e en Moraña, con 7 prazas, que resultan “claramente insuficientes”, xa que os usuarios demandan atención durante toda a súa vida.