Julio Torrado reclama un protocolo de baleirado de encoros para evitar a caída da salinidade da auga que provoca mortalidade masiva de moluscos
O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á Xunta de “abandonar á súa sorte” ao sector marisqueiro da ría de Arousa diante da caída drástica de produción nos últimos anos. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca do Parlamento, na que criticou o “desleixo” do goberno galego diante dunha situación que está a poñer en perigo a viabilidade do sector.
O responsable socialista lamentou que a Consellería do Mar “non ten ninguén que mire ben pola ría de Arousa” e que se preocupe de tomar medidas mentres “seguen negando a realidade”. Advertiu que a situación chega ao punto de que “a maior preocupación para o sector marisqueiro xa non é o clima, nin a situación da auga, senón o goberno da Xunta”, que “non quere ver” a realidade dunha situación “crítica”.
Criticou que o goberno galego non faga nada cos datos que apuntan a problemas como as caídas da salinidade da auga coincidindo co baleirado de encoros “sen controlar, sen avisar e coincidindo coas mareas”, e que poderían abrir vías para solucións viables. Acusou á Xunta de limitarse a “mirar e aplaudirlle ás empresas” que descargan auga “cando lles peta”, e reclamou un protocolo para o baleirado dos encoros.
Torrado acusou á responsable da Consellería de presentar datos “tramposos” ao comparar as cifras de produción deste ano 2023 co 2022, cando aquela campaña foi unha das máis baixas rexistradas. Así, a produción de ameixa babosa reduciuse daquela a unha terceira parte á rexistrada en 2019, co que criticou que a Xunta intente “facerse trampas ao solitario”.