Begoña Rodríguez Rumbo denuncia que o PP ten provocado o maior endebedamento da historia que “non valeu para soster as contas públicas nin para mellorar a vida dos galegos e das galegas”
A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe a Rueda e Feijóo de provocar o maior endebedamento da historia de Galicia, triplicando a débeda que atoparon en 2009 e deixando polo tanto un “pufo” de 4.565 euros a cada galego e galega. A responsable socialista advertiu no debate dunha Interpelación que estas cifras dan a medida da “mala xestión” da Xunta nas mans do PP.
Rodríguez Rumbo advertiu que a débeda pasou dos 4.859 millóns de euros en 2022 ata os 12.333 millóns de euros que rexistra hoxe, no segundo peor dato da serie histórica e que nos Orzamentos para 2024 non aumentará, lembrou, “porque o Estado non llelo permite”. Ademais, criticou que este endebedamento “nin valeu para soster as contas públicas nin para mellorar a vida dos galegos e das galegas”.
Criticou que nesta etapa a cidadanía viu “como se recortan e precarizan os servizos públicos mentres incrementan os beneficios fiscais aos máis ricos de Galicia, consolidando o programa neoliberal do PP”. Durante os últimos 14 anos, dixo, recortaron e precarizaron a sanidade e a educación, suprimindo médicos e profesores, desatenderon á Dependencia e cruzaron os brazos mentres máis da metade da cidadanía chega con dificultades a fin de mes.
Maiores orzamentos da historia
A responsable socialista subliñou que “o problema non é tanto de acadar ingresos, senón máis ben de mala xestión e falla de execución orzamentaria”, logo de lembrar que dende a chegada do goberno presidido por Pedro Sánchez en 2018 os orzamentos para Galicia se teñen incrementado en 4.100 millóns de euros ata “os mellores orzamentos da historia”. Sen embargo, criticou que teñan malogrado esta oportunidade con moita “publicidade e propaganda pero xestión escasa”.
Rodríguez Rumbo reclamou “un goberno mellor, que non desmantele os servizos públicos e que aporte ideas novas e dinamismo económico para que Galicia poida avanzar liderada polo PSdeG e non siga estancada polo inmobilismo do PP”. Reclamou medidas para a transición ecolóxica, a transición dixital, a cohesión social e territorial, unha igualdade real e efectiva, a loita contra a violencia machista, a colaboración cos concellos e medidas para os maiores e a xuventude.